A gala aRi[t]mar festexa a conexión galego-portuguesa

Fillas de Cassandra e Arantxa Nogueira, entre as galardoadas.
Personalidades na gala aRi[t]mar de 2023 (Foto: aRi[t]mar).
photo_camera Personalidades na gala aRi[t]mar de 2023 (Foto: aRi[t]mar).

Onte tivo lugar, no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela, a Gala dos Premios da Música e Poesía Galego- Portuguesa na que se entregaron os premios aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas. 

A gala conducida polo contacontos Zakarías O'Facas e Ivonete da Silva presentaron unha gala ma que foron recoñecidos, no apartado musical, os temas Lisístrata, coñecida como Varre Vasoira, de Fillas de Cassandra, e Maçazinha do grupo portugués Retimbrar, cos que colaborou a cantante Uxía. 

No campo da poesía, as creacións máis votadas foron Mamá fala linguaxes de documentos predeterminados de Arancha Nogueira, e Se de repente perto fosse um verbo, da poeta portuguesa María Isabel Fidalgo. 

Ademais, o premio especial a amizade galego-lusófona recaeu na Associação José Afonso. O xurado do aRi[t]mar ditaminou que a AJA é merecente deste galardón xa que esta asociación mantén vivo o legado da persoa e da obra do grande cantor e poeta José Afonso, quen sempre destacou as súas ligazóns, e as do pobo portugués, coa Galiza. De feito, a famosísima Grândola, Vila Morena, a canción que simboliza a loita do pobo portugués, e a de todos os pobos do mundo, pola liberdade foi interpretada por primeira vez na Galiza. 

O proxecto

'aRi[t]mar Galiza e Portugal' é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que tamén conta co apoio da Xunta de Galiza, Concello de Santiago, Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza - Norte de Portugal, Deputación de A Coruña e Instituto Camões, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegarse á cultura e á lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. 

Comentarios