O futuro do rural, máis alá de tópicos, a debate na Estrada

Unhas xornadas de Arte, Creatividade e Ruralidades, organizadas polas asociacións Maruxío e Casal de Creación na Estrada, achegarán novos proxectos a partir dunha exposición, música, obradoiros e mesas redondas.
Unha parte da exposición 'Galiza profunda' que se verá na Estrada. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha parte da exposición 'Galiza profunda' que se verá na Estrada. (Foto: Nós Diario)

As asociacións Maruxío e Casal de Creación retoman para os días 11 e 12 de xuño na Estrada, as Xornadas de Arte, Creatividade e Ruralidades que se adiaron o pasado mes de abril como consecuencia do mal tempo.

A proposta destas entidades contará co mesmo emprazamento da anterior convocatoria, a Casa de Rebolos, en Terreboredo, e o mesmo obxectivo: dar a coñecer as propostas innovadoras e apegadas ao rural que ollan cara unha visión máis contemporánea do territorio. 

Desde a Asociación Maruxío, María explica a Nós Diario que con estas actividades procuran “mostrar a vida cotiá que vivimos aquí, con moitos proxectos que deixan atrás os tópicos que se repiten sobre o rural”. Recoñece que a visión que predomina é que “vivimos da agricultura ou da gandería” cando nós “temos unha mirada máis ampla, con moitas iniciativas funcionando”.

Programa de actividades

As actividades comezarán o sábado 11 de xuño ás 11. 30 horas coa presentación da exposición Galiza profunda e a actuación posterior de Serodio e Uxío ás 13 horas. Seguirá un obradoiro de arte rupestre a cargo de Fran Ameixeiras (13.30 horas) para nenas e nenos.

Pola tarde, ás 17 horas, proxectaranse curtametraxes de videopoesía de Theresa Lousame e ás 18 horas realizarase unha mesa redonda co tema A batalla cultural dana as artistas: posicionamento das artistas e a súa creación, na que participarán Vanesa, de Casal de Creación, Cabalinho do Demo e Theresa Lousame,  entre outras. A xornada rematará co recital de poemas e cantigas  de Iria Medraño González, ás 19.30 horas.

O evento continuará o domingo 12 de xuño ás 12 horas coa proxección do documental Acorda, en colaboración coa Asociación Vagalume e a Deputación de Pontevedra. Seguirá o pase de Festivaliño On The Road e a actuación do Cuarteto Barbude.

Rematarán as xornadas con outra mesa redonda ás 17 horas co tema de Creacións, diverxencias e confluencias: novas formas de construír. Nela participarán os colectivos Anacos creativos, Festival Agrocuir, a Asociación Maruxío, Seres Festival e Mulleres Creando, Creativas galegas, Coliving Anceu e Pura Quiteria.  

Comentarios