A cultura marítima chega á Estrada da man das xornadas 'O mar en terra'

Charlas e obradoiros traen o mar ao rural. O espazo Maruxío, en Terreboredo, A Estrada, organiza os días 14 e 15 de maio toda unha serie de actividades nunha intensa programación.
O galeón 'Rei do mar' (Foto: Ben Gunn).
photo_camera O galeón 'Rei do mar' (Foto: Ben Gunn).

O espazo Maruxío, situado en Terreboredo, A Estrada, organiza esta fin de semana unha feira bautizada como 'O mar en terra' na que se buscará conectar o rural interior co mundo do mar a través dunha intensa programación. A iniciativa, que terá lugar o 14 e o 15 de maio, inclúe charlas, talleres, exposicións, debates e presentación de diversos proxectos relacionados co mundo do mar. 

O sábado comezarán as actividades ás 12 horas cunha charla sobre a 'Toponimia do mar' a cargo do arqueólogo Xosé Lois Vilar. Ás 13 horas, no mesmo espazo, terá lugar un obradoiro de cianatopía que tratará sobre 'Peixes do mar'.

A mañá rematará ás 13.30 horas coa presentación da revista Nova Ardentía e a intervención de Emilio Ínsua, Francisco Fernández Rei, Manuel Lara, Antón Mascato e Xaquín Lores. 

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, Ana Lee, membro da asociación Retoque Retro, falará de 'Crebas modernas, plásticos fósiles'. A xornada continuará ás 18 horas coa presentación de Os nosos mares a cargo de Judith Santos. Pola noite está prevista a realización dunha foliada. 

O domingo 15, comezará ás 12 horas coa presentación do poemario de Palmeiras e piueiros con Anxo Angueira e Elvira Ribeiro.

A continuación, media hora máis tarde, haberá un obradoiro de nós mariñeiros a cargo de Xoán Silva, seguido da palestra 'Fontoira da tradición oral a tipoloxía dixital' a cargo de Rubén Prol e Lino Prieto (13.30 horas).

Pola tarde, ás 17 horas, presentaranse os proxectos do mar 'Evangelina' de Rianxo e 'Rei do mar' da Illa de Arousa. Ás 17.30 horas chegará o obradoiro de pedras animadas a cargo de Fran Ameixeiras para a cativada. Rematarán as xornadas cunha mesa de debate sobre 'Os usos sociais e o futuro do patrimonio marítimo'.

Comentarios