Os días 9 e 10 de abril na Estrada

Galiza profunda, unha feira que revisa os tópicos sobre a vida no rural

Unha feira que é, ao mesmo tempo, un festival de creación e un foro de reflexión sobre os tópicos e os preconceptos que contaminan a visión que temos sobre a vida no rural. 'Galiza profunda' desafía os prexuízos para apostar nunha autoorganización que revitalice aldeas e vilas desde proxectos que mostren o seu potencial.
As xornadas queren mostrar o potencial dun rural despoxado de preconceptos.(Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera As xornadas queren mostrar o potencial dun rural despoxado de preconceptos.(Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Cambiar a visión que temos do mundo rural -nun momento en que se fala moito del sen demasiado coñecemento de causa e no que algúns sectores pretenden capitalizar a representación de aldeas e vilas en beneficio propio e non da comunidade- non parece unha tarefa fácil. E, non obstante, as asociacións Maruxío e Casal de Creación atrévense a ofrecer alternativas nunhas Xornadas de Arte, Creatividade e Ruralidades que se realizarán na Estrada os días 9 e 10 de abril. Nelas, e arredor dun mercado de ilustración e artesanía que contará con trinta postos, debullaranse conceptos como Galiza profunda -que dá nome as xornadas-, feísmo ou autoodio. 

"Cando se fala do rural faise nuns termos en que dá a impresión de que o único que podes facer aquí é integrarte no sector primario, dedicarte ou ben á agricultura ou ben a gandaría", protestan desde a Asociación Maruxío.

“Son conceptos que dalgunha maneira xa temos integrados e que se van transmitindo”, explica María, da Asociación Maruxío, en conversa con Nós Diario. “O problema é que cando se fala do rural faise nuns termos en que dá a impresión de que o único que podes facer aquí é integrarte no sector primario, dedicarte ou ben á agricultura ou ben a gandaría. Hai pouco tivemos un encontro con estudantes de enxeñaría forestal e esa era a visión predominante. E é unha visión distorsionada, hai moitas outras cousas que se poden facer. O que nós pretendemos é, precisamente, abranguer a vida no rural cunha mirada máis ampla que mostre a realidade cotiá que vivimos aquí, desenvolvendo multitude de proxectos que van máis alá dos tópicos que se repiten e que acaban por estender un concepto da vida no rural moi nesgado e falso. Pretendemos animar a xente a que, polo menos, mude eses prexuízos e se atreva a coñecer un pouco mellor esta realidade, que ten unha potencialidade enorme”.

Segundo os datos ofrecidos polo Banco Mundial, 55,7% da humanidade vive nun medio urbano, cando no ano 2000 esa porcentaxe era de 46,6%. O abandono do rural en beneficio das cidades é un patrón que se repite por todo o planeta, xerando un círculo vicioso no que a poboación se despraza cara ás grandes urbes e os núcleos rurais perden actividade económica, o que provoca novas vagas de desprazamentos en busca de oportunidades laborais e un maior abandono de vilas e aldeas. A chegada da pandemia modificou a visión do rural, pondo de manifesto as súas vantaxes en termos de calidade de vida, mais as medidas tomadas polas Administracións para tratar de reordenar a distribución da poboación -cando as hai- teñen un escaso resultado práctico. 

"Creo que ese é o espírito que debe seguir animándoo: autoorganizarnos e coordinarnos entre nós para rebaixar a dependencia que hai das Administración"

“O que se bota de menos é axuda, porque non temos axudas de ningún tipo”, sinala a representante de Maruxío. “A nosa proposta pasa por concienciarnos de que a solución tamén está en nós, de que se precisa crear sinerxías entre os diferentes proxectos que se desenvolven no mundo rural. O ano pasado organizamos a primeira feira labrega porque nos decatamos de que había un número elevado de proxectos no concello da Estrada que non sabían da existencia os uns dos outros, non se coñecían. Daquela fomos creando unha rede que nos permitise argallar cousas xuntos. Ese foi o xerme do proxecto e creo que ese é o espírito que debe seguir animándoo: autoorganizarnos e coordinarnos entre nós para rebaixar a dependencia que hai das Administración. Aínda que iso non quita que teñamos que seguir reclamando axudas para necesidades básicas que, no rural, están abandonadas a todos os niveis: desde as comunicacións até os servizos máis básicos”. 

Outro rural é posíbel 

As xornadas intentarán dar una chamada de atención a través do mundo da creación para dignificar o rural e darlles visibilidade a todas as actividades que se realizan nel, e por iso o programa inclúe, ademais da feira de artesanía, música, poesía, fotografía, cinema ou actividades para a cativada. “Enviar esta mensaxe a través da creación e da arte, que é algo que nos atinxe un pouco a todos e que toca sensibilidades, pode ser máis efectivo que facer grandes discursos sobre como vivimos aquí. Creo que a calidade de vida da que se pode gozar no rural é moito mellor que a das grandes cidades, diso hai poucas dúbidas. Mais falta cubrir algunhas necesidades que temos e que non son atendidas. Por exemplo, apenas existen infraestruturas culturais, ou están moi abandonadas: hai poucos teatros, poucas bibliotecas, poucos lugares onde a xente poida reunirse para escoitar unha conferencia ou asistir á proxección dunha película. E chamar a atención desas carencias a través da cultura parecíanos básico, porque a cultura é a que nos nutre como seres humanos”. 

O programa, en consonancia co espírito que alimenta o proxecto, foise creando a base de contactos persoais e, máis unha vez, a través do traballo en redes. “Isto non sería posíbel sen a colaboración de toda a xente que participa, que vén voluntaria e gratuitamente por afinidade co proxecto, co que queremos dicir e transmitir. E quixemos tocar todos os paus -literatura, música, poesía...- porque nos parece importante non esquecer estas cousas que, cando as temos, nos fan máis doada a vida. Nese sentido, queriamos tamén ofrecer un programa no que todo o mundo puidese atopar algo que lle interesase. En realidade, todo se resume na fórmula outro rural é posíbel”, conclúe. 

As artes ao servizo da cooperación 

O programa de Galiza Profunda inclúe a presentación do libro Concha do Canizo. Este pandeiro que toco, de Xulia Feixoo; a proxección do documental Acorda, de Marina Carracedo, Lucas Terceiro e Uxía Senlle; un recital de poemas de Iria Medraño González; a presentación do proxecto Creativas galegas, a forza da unión; un concerto de Jásper e Nébeda; outro de pezas tradicionais con Uxío e Serodio; unha mesa redonda sobre A batalla cultural dana as artistas: posicionamento das artistas e a súa creación; un obradoiro para a cativada sobre arte rupestre e historia, a cargo de Fran Ameixeiras; ou o Festivaliño na rúa, dirixido a un público familiar. Ademais, claro, da feira central onde se mostrarán produtos artesanais procedentes de toda a Galiza.

Comentarios