CONTRACULTURA

Francisco Sandoval, Premio de Investigación Ferro Couselo: "O cambio do trazado do Camiño de Santiago á Coruña provocou que Ordes desbancara Poulo"

Francisco Sandoval foi galardoado co XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo polo seu traballo A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX, onde aborda desde cuestións político-administrativas até as feiras e o urbanismo da comarca de Ordes
O investigador e arquiveiro Francisco Sandoval. (Foto: Cedida)
photo_camera O investigador e arquiveiro Francisco Sandoval. (Foto: Cedida)

Como xurdiu a súa investigación sobre a comarca de Ordes?

Eu son da Coruña, aínda que desde os dous anos me criei na vila de Ordes, polo que durante moito tempo fun estudando a comarca de maneira intermitente, até que decidín retomalo hai uns anos. Precisamente, por este motivo, contaba con abundante información inédita que desde hai un tempo tiña en mente pór nun texto como este. Presentarme a un premio de investigación de prestixio como é o Xesús Ferro Couselo dábame a oportunidade de poder publicalo. 

O que se analiza son as mudanzas no espazo político administrativo, pasando das xurisdicións señoriais do antigo réxime aos concellos constitucionais, así como o papel dos camiños e das feiras na articulación do territorio. Hai que ter en conta que era unha zona cunha baixa densidade de poboación se a comparamos co conxunto da Galiza e que ademais se caracterizaba por unha dispersión extrema. Aquí non había vilas como poden ser Melide ou Arzúa. A única aldea cun pouco de entidade era Poulo porque se atopaba a medio camiño entre Santiago e A Coruña, o que facía que tivera unha maior concentración de profesionais como albeites ou ferradores, así como unha pousada para camiñantes e unha tenda. De feito, no resto da comarca si había tabernas en cada parroquia, mais non había ningunha outra tenda onde poder adquirir produtos distintos do viño. 

Que fixo que Ordes se convertese no que é hoxe?

Este traballo comeza na Idade Moderna porque isto permite ver os cambios e as transformacións que se deron unha vez implantado o estado liberal na década de 1830. Alén dos cambios de tipo administrativo, que son os máis grandes que se observan neste territorio, tamén ten un papel fundamental o cambio do trazado do Camiño de Santiago-A Coruña entre 1760 e 1770 porque acaba por xerar toda unha serie de transformacións no hábitat rural e no crecemento de Ordes. A comezos do século XVIII esta era unha aldea de apenas cinco casas, mais debido a este cambio de trazado acaba por crearse unha feira que favorece o seu crecemento até o punto de chegar a desbancar Poulo. Isto leva a que, cando se crean os partidos xudiciais e posteriormente os concellos constitucionais na década de 1830, a capital do partido xudicial recaia en Ordes e non en Poulo. 

Polo que puiden comprobar realizando este traballo é que este territorio, que pode parecer algo creado artificialmente cos partidos xudiciais, realmente non é tal. Se un vai ás fontes altomedievais atópase con que existe un territorio, que logo é denominado Terra de Montaos, que coincide practicamente co perímetro actual da comarca. É dicir, estamos ante un territorio cunha identidade territorial propia que xa se pode atopar no século X. 

Non é un caso único, porque hai outras comarcas que tamén responden a esta orixe, pero ademais no título do traballo non aparece expresamente a comarca, senón que falo do interior coruñés, porque en certo modo exemplifica as características do que coñecen os xeógrafos como a penechaira occidental galega. Non podo dicir que outros concellos que forman parte desta zona teñan características idénticas, porque non os estudei, mais todo apunta a que teñen características compartidas. 

Precisamente o xurado salientaba a perspectiva actual que integra todos estes aspectos no traballo. 

O certo é que os traballos referidos á Idade Moderna ou Contemporánea adoitan estudar un poboamento de maneira illada ou os camiños e feiras de maneira illada, mais non se fan traballos que reúnan ou que contemplen todos estes aspectos. Pola contra, son investigacións máis comúns entre prehistoriadores ou medievalistas, polo que mostrar as razóns de por que a comarca de Ordes existe como tal é unha novidade.  

Comentarios