O 'Foco Esther F. Carrodeguas' trae a Santiago tres dos seus traballos máis recentes

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura 2024 acollerá nos próximos meses os espectáculos IRIBARNE, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas.

Esther Carrodeguas nunha escena de 'Iribarne'. (Foto: Geraldine Leloutre)
photo_camera Esther Carrodeguas nunha escena de 'Iribarne'. (Foto: Geraldine Leloutre)

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre do 2024 incluirá un 'Foco Esther F. Carrodeguas' con tres dos máis recentes traballos que a dramaturga e actriz galega desenvolveu coa compañía ButacaZero. Trátase das pezas Iribarne, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas, que se van representar os días 20 de xaneiro, 24 e 25 de maio, respectivamente. 

Iribarne vai ser o espectáculo responsábel de inaugurar a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura o 20 de xaneiro no Auditorio de Galiza. Esta revisión da figura de Fraga en clave de humor é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A obra é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. 

A seguinte cita do foco vai ser o espectáculo unipersoal O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada o 24 de maio no Teatro Principal. Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[non]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho da nosa sociedade. 

O ciclo pecharase coa representación de Rapadas o 25 de maio na Igrexa da Universidade. A obra nace da necesidade de compartir co público a documentación recadada por Carrodeguas sobre as mulleres rapadas na posguerra civil, no seu intento por escribir unha obra de teatro. A partir destes feitos, a autora investiga arredor do concepto histórico de “rapada”: de Xoana de Arcos ás Femmes tondues (colaboracionistas), de Britney Spears a Jada Pinkett, de blogueiras descoñecidas a modelos internacionais. 

Seguindo por este camiño, Esther Carrodeguas chega até as mulleres que no 2022 se rapan a si mesmas en Ucraína tentando non resultar atractivas a posíbeis violadores durante a invasión. O elenco de Rapadas está integrado por Esther F. Carrodeguas, Juanma Lodo e Sabela Domínguez. 

Alén dos espectáculos, grazas ás actividades #posfunción e #conversando, o público vai ter a oportunidade de dialogar con Carrodeguas e o resto do equipo dos espectáculos e coñecer o proceso de traballo que posibilita a realización das obras. 

Comentarios