ButacaZero prepara un espectáculo sobre Fraga

A compañía anuncia que realizará unha investigación a través de entrevistas que se desenvolverá ao longo deste ano para estrear a obra en 2023.
A dramaturga Esther F. Carrodeguas. (Foto: Mark Zlick).
photo_camera A dramaturga Esther F. Carrodeguas. (Foto: Mark Zlick).

A plataforma creativa galega ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará en 2023 a obra Iribarne. A peza de teatro político atópase este 2022 en fase de investigación a través de entrevistas que se desenvolverá ao longo do ano, coincidindo co centenario do nacemento do político galego e os dez anos do seu pasamento

A fase inicial está formulada como unha serie de entrevistas nas que a entrevistadora e cada entrevistado ou entrevistada conversarán sobre a importancia de Fraga e do seu legado.

ButacaZero abrirá este proceso de creación do espectáculo ao público ao longo deste 2022 a través das súas redes sociais, cunha serie de improvisacións teatrais que beben da investigación escénica, compartindo, ao tempo, as entrevistas que se realizarán con algunhas figuras do panorama social e político estatal.

Despois, procuraran xerar unha serie de sesións creativas multidisciplinares das cales nacerá a peza teatral.

Espírito irreverente e moita ironía 

A intención, segundo explican nun comunicado desde a compañía, non será facer un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. "O espectáculo parte dunha investigación sobre a súa vida e o seu percorrido para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas", sinalan.

A obra ten previsto moverse no ámbito "do espírito irreverente e con moita ironía -marca da compañía-, con referentes como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida

Fraga como "deseñador" do PP actual

A piques de celebrar o centenario do seu nacemento e o décimo aniversario do seu pasamento, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira queren facer balance dunha personalidade "particularísima e popularísima" que, en palabras do tándem artístico, "puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, mais tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas’. Porén, temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galiza, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores... ou o mesmísimo PP". 

Comentarios