A compañía Butaca Zero prepara un espectáculo sobre a actualidade do seu legado

Fraga Iribarne sobe a escena

Do Spain is different á Cidade da Cultura ou de ministro de Franco a pai da Constitución. A capacidade camaleónica de Fraga Iribarne é ben coñecida de todos, mais agora, cando se cumpren cen anos do seu nacemento, a compañía teatral ButacaZero quere reflexionar sobre a actualidade do seu legado.
Fraga na praia de Palomares para 'demostrar' que non había radioactividade tras o primeiro accidente nuclear de Europa, 1966.
photo_camera Fraga na praia de Palomares para 'demostrar' que non había radioactividade tras o primeiro accidente nuclear de Europa, 1966.

A obra aínda non está escrita, mais poderiamos imaxinala como un percorrido entre Benidorm e Santiago de Compostela, entre a febre da construción na costa levantina para sacralizar o boom turístico da década de 1960 e os vinte anos de obras dese desproporcionado coloso que é a Cidade da Cultura. No fondo de todo ese movemento de ladrillo hai un nome: Manuel Fraga Iribarne. Só que o que se construía era algo máis que un conxunto de edificios, era un concepto de Estado. 

A compañía teatral ButacaZero vén de anunciar un espectáculo que se chamará así, Iribarne, e que virá precedido dun proceso de investigación escénica que visa a deitar unha nova mirada sobre o rastro dunha figura que, en gran medida, foi responsábel do deseño da sociedade na que vivimos. 

"Estamos falando dunha persoa que deseñou as bases dun Estado supostamente democrático despois de ser ministro da ditadura"

“A idea xurdiu precisamente dunha viaxe que fixemos Esther Carrodeguas e máis eu por toda a costa valenciana”, explica o director Xavier Castiñeira, quen, xunto coa dramaturga Carrodeguas conforma o núcleo de ButacaZero. "A paisaxe era unha sucesión de benidorms, máis grandes ou máis pequenos, pero ese era o modelo de poboación que se impuxera en toda aquela zona. E decatámonos de que era un invento de Fraga: a España do turismo, dos paradores, da queimada... E de volta na Galiza, vendo a Cidade da Cultura, comezamos a pensar na importancia desa figura na creación do Estado no que vivimos. Un personaxe que se mantén en primeira liña durante o franquismo, durante a Transición, durante a creación do Estado das Autonomías... Un dos escollidos para suceder a Franco, cunha extraordinaria capacidade de supervivencia que lle permite reconstruír a súa propia imaxe e crear a súa particular Baviera e cando é rexeitado na política estatal. De aí naceu o noso interese pola súa figura”. 

O ano 2022 marca o centenario de Fraga Iribarne e o décimo aniversario da súa morte, polo que a oportunidade de revisitar o seu legado parecía adecuada á data. “Tocaba facer algo sobre Fraga con todo o que iso poida implicar, aplausos e censuras”, declara Castiñeira. “El é o construtor dunha certa Galiza, dunha certa España, e tamén do Partido Popular. Estamos falando dunha persoa que deseñou as bases dun Estado supostamente democrático despois de ser ministro da ditadura. Ao mesmo tempo, era un tipo moi peculiar, cunha gran capacidade de traballo e cun enorme anhelo de protagonismo, de ser o primeiro en todo. Mais nós non queremos falar da súa biografía, iso fano mellor o ensaio ou a televisión. Nós pretendemos falar do seu legado desde un teatro político onde haxa debate e contradicións. Cremos que ese é o papel do teatro”. 

Para levar a cabo o seu proxecto, Castiñeira e Carrodeguas pretenden abrir o proceso de creación do espectáculo ao público durante todo o ano, a través das redes sociais, cunha serie de improvisacións teatrais froito da investigación escénica, compartindo, ao tempo, as entrevistas que se realizarán con relevantes figuras do panorama social e político. “Partimos dunha pregunta: Cal é o impacto de Fraga na sociedade actual? A partir de aí iremos investigando e definindo a dramaturxia e a posta en escena para estrear o espectáculo en 2023”. 

“O teatro é unha palestra política e resulta importante empregala para reformular ideas que talvez xa non resultan operativas para a sociedade, para facer preguntas que nos coloquen no presente", di Castiñeira

Un novo teatro político? 

O proxecto de ButacaZero coincide cunha vaga de obras teatrais que responden a preguntas semellantes sobre un pasado histórico no que a sacralizada versión oficial sobre a transición impediu afondar: A lúa vai encuberta, das compañías Incendiaria  A quinta o cuadrante, ou Semente de Nós de Sarabela Teatro tamén tratan de recuperar outras voces que deixaran de escoitarse sobre o noso pasado. Ou N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere, sobre un suceso máis recente como o afundimento do Prestige e movemento social arredor de Nunca Máis. 

“O teatro dá lugar a repensar máis que a expoñer, non precisa da acción dramática do argumento”, opina o director. “O teatro é unha palestra política e resulta importante empregala para reformular ideas que talvez xa non resultan operativas para a sociedade, para facer preguntas que nos coloquen no presente. Quizais estamos asistindo ao nacemento dun novo concepto do que é o teatro político”. 

Castiñeira confesa que está un pouco canso de entrar na espiral de estrear un espectáculo cada ano e que precisa entrar en procesos máis calmados que ofrezan unha maior recompensa creativa. “ButacaZero vai facer cinco anos e hai un feito histórico que se repite nas compañías galegas cando chegan a esa idade: ou desaparecen ou cambian de orientación”, explica con humor. “Agora mesmo, afortunadamente, non temos a necesidade de estar sobre os escenarios constantemente, e podemos permitirnos entrar nun proceso de investigación longo poida comunicar directamente co público. É un cambio de perspectiva na compañía no que damos prioridade a reflexión" 
 

Comentarios