Carrodeguas e Ferreira enlazan a dramaturxia galega e portuguesa

A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) da Galiza inaugura mañá unha nova edición de 'Dramaturxias itinerantes', que protagonizan a galega Esther F. Carrodeguas e a portuguesa Cecília Ferreira.
A dramaturga Esther F. Carrodeguas. (Foto: Centro Dramático Nacional)
photo_camera A dramaturga Esther F. Carrodeguas. (Foto: Centro Dramático Nacional)

A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) da Galiza inaugura mañá unha nova edición de 'Dramaturxias itinerantes', que protagonizan a galega Esther F. Carrodeguas e a portuguesa Cecília Ferreira

Esta nova entrega do proxecto no que colaboran o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo, a ESAD da Galiza e a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (Esmae) de Porto desenvolverase hoxe, na ESAD de Vigo, e mañá na Esmae de Porto.

O ciclo teatral, que ten como obxectivo "promover o encontro entre creadoras galegas e portuguesas", suma a súa quinta edición coa vontade de "achegar un maior coñecemento sobre a escrita teatral máis contemporánea da Galiza e de Portugal". Nesta ocasión, as obras escolmadas son Supernormais, de Carrodeguas, e Dionísia, de Ferreira. Após a representación das obras, haberá unha conversa coas autoras moderada pola profesora da ESAD da Galiza Vanesa Sotelo. 

Programación

O programa ábrese hoxe con Supernormais escrita por Esther F. Carrodeguas para o Centro Dramático Nacional, que agora se traduce e adapta ao galego. A través dun xogo cómico, en Supernormais abórdanse os prexuízos arredor do colectivo de persoas con diversidade funcional e as barreiras da sociedade. 

Na segunda das pezas, Dionísia, a autora portuguesa fala sobre a fugacidade da felicidade e a convivencia entre a loucura e a cordura. Esta representación estará dirixida pola propia Cecília Ferreira.   

Comentarios