Contracultura

Xavier Castiñeira: "Decidimos achegar a ópera a lugares onde nunca antes estivera, intentar ser punta de lanza"

Xavier Castiñeira, director de escena, é unha das partes de ButacaZero, a plataforma creativa que pretende levar o diálogo co teatro ao mundo actual e que puxo en marcha xunto con Esther F. Carrodeguas. Castiñeira fala de 'Papagena', unha ópera electrónica que ten a súa preestrea os días 2 e 3 de setembro en Rianxo, e da necesidade de levar a cabo proxectos piloto coma este, porque, como el di, "é moi fácil destruír o país, pero é difícil construílo".
Xavier Castiñeira, á dereita, co equipo de 'Papagena'. (Foto: ButacaZero).
photo_camera Xavier Castiñeira, á dereita, co equipo de 'Papagena'. (Foto: ButacaZero).

Papagena é unha reinterpretación da Frauta Máxica de Mozart?

Iago Hermo, o compositor, quixo darlle unha volta ao concepto que ten el da ópera, inverter os valores tradicionais, uns valores da súa época que evidentemente non son os nosos nin teñen que selo. Na Frauta Máxica, o Papagueno vai sempre buscando paxaras para engaiolar e, partindo desa idea, Iago fala dunha relación tóxica machista do século XXI coa Papaguena. El recolle moitos elementos de Don Giovanni e da obra orixinal e vai meténdoos, estirándoos e comprimíndoos para darlles unha nova forma adaptada á nova visión da ópera neste século.

É unha forma de levar a ópera a novos públicos?

Isto é bastante habitual noutros países europeos onde a ópera ten lugar en pequenos cafés. No noso país só ten lugar en centros de poder, como Santiago ou A Coruña; hai moito público que nunca viu unha peza deste estilo. Hai unha barreira psicolóxica que nos leva a pensar que non podemos desfrutar dela, un pensamento que non debería existir. O que decidimos desde ButacaZero foi achegar a ópera a lugares onde nunca antes estivera, intentar ser punta de lanza para que outras persoas o recollan e continúen con iso. É abrir outra vía, porque é moi fácil destruír o país, pero é difícil construílo.

Como se traduce isto a nivel práctico?

Non é consecuente querer levar a ópera a calquera sitio se só pode entrar nun teatro. Deseñamos unha estrutura escénica autoportábel que só precisa de catro enchufes cunha potencia mínima e un espazo de 2,70 metros de alto, catro metros de longo e tres de ancho. Con esta estrutura podemos chegar a unha casa de cultura, a unha sala de exposicións ou inclusive a praza do pobo, porque a iluminación vai integrada na propia estrutura. Tes autonomía para poñela en calquera lado, unha experiencia piloto na Galiza. Encantaríame que alguén vise esta ópera e pensase que é algo que lle gusta e que busque outras funcións ás que ir, ou que unha rapaza vexa iso e pense que quere compoñer unha peza. Nunca sabemos o impacto que producimos no futuro e ten que ser a nosa responsabilidade. Non é que fagamos a primeira ópera galega, desde logo, mais estamos levándoa a lugares onde non estivo.

Agora queda unha longa xira, non?

A preestrea será os días 2 e 3 de setembro en Rianxo e a estrea o 10 en Pontevedra, nas ruínas de Santo Domingo, un lugar icónico. Continuaremos por máis de 20 lugares no que queda de ano e despois de xaneiro haberá outra nova quenda. Está tendo moi boa acollida pola singularidade do proxecto e porque nós traballamos con cachés de teatro. Somos un equipo pequeno cunha ópera electrónica: Esperanza Mara como soprano, Jacobo Rubianes como barítono, Ana Arteaga na escenografía e Diego Valeiras no vestiario. O resto somos Iago, Esther e eu. A idea é tentar facelo micro para que sexa asumíbel polos concellos: non ten que ser un risco económico, aínda que si o sexa artístico. Esa é a dificultade.

Pode ser un paso para normalizar a ópera no país?

Todas as persoas temos gaiolas dentro de nós: históricas, persoais, sociais, culturais, etc. Hai que rompelas para medrar como individuos e como sociedade. Iago está rompendo a gaiola da ópera, un monstro antigo ancorado nuns valores que xa non teñen lugar. É outra forma de seguir contando historias e conformar a nosa sociedade, especialmente porque a zarzuela galega tivo moita importancia, e a ópera nunca foi un xénero do que tivésemos unha tradición grande. Había xente moi boa como Juan Durán ou Marta Pazos, mais eran pequenas estrelas fugaces e gustaríame que fose algo normalizado

Comentarios