O FLAZ de Allariz dialoga sobre a edición

Marta Sanz, Belén Gopegui, Blanca Riestra e Javier Peña estarán no Festival Literario de Allariz os días 30 de xuño e 1 de xullo.
María López, César Lorenzo e Cristina Cid, onte (Foto: Concello de Allariz).
photo_camera María López, César Lorenzo e Cristina Cid, onte (Foto: Concello de Allariz).

O FLAZ (Festival Literario de Allariz) chega á súa segunda edición no 2023 co ánimo de afianzarse como evento de referencia na axenda cultural. Os días 30 de xuño e 1 de xullo estarán presentes en Allariz autoras e autores de referencia na narrativa galega e española actual. O evento medra este ano, ademais, coa celebración dun mercado de edición e ilustración independente.  

O II FLAZ foi presentado na mañá de onte no Concello de Allariz coa participación da alcaldesa, Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica, María López, e o responsábel de contidos da libraría Aira das Letras e director do festival, César Lorenzo. O director do FLAZ, destacou o conxunto de voces de referencia que se van dar cita en Allariz: Marta Sanz, Belén Gopegui, Constantino Bértolo, Javier Peña, Blanca Riestra e Moisés Barcia.  

Tal como se apuntaba xa na primeira edición, o FLAZ quere incorporar na súa programación outros axentes que forman parte do mundo do libro xunto aos autores. É o caso dos editores Constantino Bértolo e Moisés Barcia, que protagonizan o primeiro encontro do FLAZ 2023 o día 30 baixo o título “Editar contra o mercado”. 

Tamén o resto das convidadas neste FLAZ 2023, Marta Sanz, Belen Gopegui, Blanca Riestra e Javier Peña trascenden o perfil de “literatos” xa que a súa escrita espállase por diferentes plataformas e publicacións; incluso no caso de Sanz e Riestra, polo ámbito da crítica literaria. "Novela literaria: un pleonasmo ou unha rara avis?" é o título do encontro que manterán, tamén o día 30, Marta Sanz e Blanca Riestra. 

 

Personaxe colectivo

Do personaxe colectivo na era dourada do “eu” falarán o sábado 1 de xullo Belén Gopegui e Javier Peña. 

Os FLAZ pecharase na tarde do sábado 1 de xullo cun coloquio conxunto co título “Escribir e editar: unha relación de comenencia?”. Ademais, o Festival Literario de Allariz suma ao programa a celebración dunha feira de autoedición durante as tardes da sexta feira 30 de xuño e sábado 1 de xullo no Paseo da Alameda, para promover e apoiar proxectos de ilustración e edición independentes.

Os encontros coas autoras e autores terán lugar na sala de exposicións da Fábrica, no Paseo da Alameda. 

Comentarios