Volve o Festival de Xardíns de Allariz máis Internacional

O tema central desta edición será "A volta ao mundo en 11 xardíns".
O certame permanecerá aberto até o próximo mes de outubro. (Foto: FIXA).
photo_camera O certame permanecerá aberto até o próximo mes de outubro. (Foto: FIXA).

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as portas da súa décimo terceira edición no serán de onte.

Nesta ocasión o tema central será "A volta ao mundo en 11 xardíns", pois participaron paisaxistas galegos, cataláns, italianos, mexicanos, colombianos, madrileños, granadinos, canarios e até polacos.

Os e as visitantes poderán gozar de espazos dedicados a diferentes culturas, territorios ou vexetacións non só nesta ponte das Letras Galegas, senón até finais do mes de outubro. 

En total, ás beiras do río Arnoia poderán contemplar 12 xardíns efémeros seleccionados entre case 30 propostas recibidas desde diferentes puntos da xeografía mundial. Deste total, 10 entran en concurso a través da votación do público que visita anualmente o recinto.

Móstranse, ademais, o xardín gañador do ano pasado, o madrileño Camiño do recordo e o xardín deseñado polo alumnado dos centros docentes de Allariz, CEIP e IES.

Así, e como destacan desde a organización, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse "nunha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal por ser o único con estas características, polo que pasan, de maio a outubro, preto de 40.000 visitantes".

Por outra parte, esta tamén confirmou que xa elixiu tema para a edición de 2024: "O Xardín é unha obra de arte".

Este será o título da décimo cuarta edición e sobre el deberán xirar as propostas que concursarán o vindeiro ano 2024, permanecendo aberto o prazo de presentación das novas propostas até o 30 de novembro.

Comentarios