A literatura galega e internacional protagoniza o festival FLAZ de Allariz

Emma Pedreira e Katixa Aguirre entre as plumas convidadas ao  1º Festival Literario (FLAZ) que nace coa intención de sumar unha nova actividade á programación municipal.
A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio de Allariz, María López e o responsábel da libraría Aira das Letras (Foto: Nós Diario).
photo_camera A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio de Allariz, María López e o responsábel da libraría Aira das Letras (Foto: Nós Diario).

Allariz estrea este ano un novo evento cultural. Os días 1 e 2 de xullo terá lugar nese municipio o 1º Festival Literario (FLAZ) no que se debaterán as razóns que levan a autoras e autores a escribir. Nesta edición o evento contará con seis figuras da literatura actual na Galiza e no Estado español: Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero

A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio de Allariz, María López Rodríguez, sinalou onte na presentación que o obxectivo é "consolidar o festival, que se suma á programación cultural diferenciada con eventos como o propio Poemagosto ou o Allariz Ilustrado". 

Conversas e mesas redondas

Cun formato de conversas a dúo e un encontro final co conxunto das figuras literarias convidadas, o FLAZ ten como procura "ofrecer ao público unha programación de interese cultural que, desde o ámbito local, esperte o interese da comunidade lectora".

Emma Pedreira e Juan Tallón encargaranse de abrir o FLAZ cunha primeira conversa titulada Por amor á arte o 1 de xullo ás 12 horas; na sesión da tarde, dúas escritoras vascas, Katixa Agirre e Edurne Portela, dialogarán baixo un enunciado interpelador: O pasado é un país estranxeiro. Tamén en Euskadi? (18.30 horas). O sábado quen sentarán xuntos o último Premio Nacional da Crítica en lingua galega 2022, Diego Ameixeiras, e o narrador madrileño varias veces premiado José Ovejero, para falar sobre

O suspense na literatura actual (12 horas). O convivio literario do FLAZ reúne na súa sesión final a todas as figuras convocadas para que respondan á pregunta: Para que serve hoxe a literatura? (18.30 horas).

Comentarios