Fina Casalderrey recibirá a homenaxe 'A Escritora na súa Terra' en 2023

Pontevedra acollerá a homenaxe impulsada pola AELG no mes de xuño.
A escritora Fina Casalderrey afonda na creación de noticias no relato que publica hoxe 'Nós Diario'. (Foto: Distrito Xermar).
photo_camera A escritora Fina Casalderrey. (Foto: Distrito Xermar).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou o outorgamento a Fina Casalderrey da homenaxe 'A Escritora na súa Terra' en 2023, que recibirá en Pontevedra no mes de xuño.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental.

É vontade da AELG, explica a entidade nun comunicado, honrar escritoras e escritores procurando o contacto directo coa persoa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración "múltiple e popular" en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo.

Así, en 2023, Pontevedra volverá ser o centra desta homenaxe impulsada pola AELG, xa que en 2022 tamén foi a cidade escollida Xosé Manuel Martínez Oca para o seu recoñecemento.

Escola e lingua

Fina Casalderrey (Pilarteiros, Santo André de Xeve, Pontevedra, 1951) é escritora e membro da Real Academia Galega desde hai unha década. É unha das voces máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil, cuxo Premio Nacional lle foi concedido en 1996 por O misterio dos fillos de Lúa.

A lingua e literaturas galegas foron tamén as materias ás que se dedicou no mundo do ensino, malia non ser de primeiras a súa especialidade. Como profesora percorreu unha morea de destinos. En cada un procurou achegar a escola á realidade, un empeño ao que sumou sempre ao seu alumnado con traballos relacionados coa investigación etnográfica no contorno máis próximo.

O galego foi sempre a súa lingua, como antes tamén a deus pais. É o idioma no que escribe e asina cada unha das súas obras, posteriormente traducidas ás demais do Estado e ao inglés, francés, italiano, portugués ou chinés, entre outras.

Comentarios