Contracultura

Pablo Nogueira: "Desde a literatura debemos dar resposta a unha sociedade cada vez máis diversa"

Pablo Nogueira, mestre e escritor, vén de recibir o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade coa obra 'Ringo. Memorias dun coello fedello', que será publicada por Xerais ao resultar gañadora do certame. Nogueira busca fomentar o gusto pola lectura e o valor da diversidade e aborda os intereses e motivacións das crianzas á hora de seguir unha historia xa que, como el di, "o bo que ten a literatura infantil é que todo pode ser posíbel, permite soñar e crear novos mundos".
Pablo Nogueira busca fomentar o hábito da lectura coas súas obras.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pablo Nogueira busca fomentar o hábito da lectura coas súas obras. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde Ringo. Memorias dun coello fedello?
Esta é a historia dun coello que vive nun circo e por un erro do mago co que comparte número, que xa vai maior e a súa memoria vai minguando, aparece na casa dunha nena. É unha historia que ten como obxectivo traballar a diversidade. Por iso, as personaxes que traballan no Circo Fantastibuloso foxen dos arquetipos e do que cabería esperar e esta nena ten un amigo con discapacidade visual e unha amiga que é inmigrante.

Interesábame traballar este tipo de cousas na literatura infantil: que a diversidade non é algo excluínte, senón enriquecedor e que pode aportar, en lugar de separar, fomentando tamén valores de inclusión e de igualdade. Por sorte, ou iso quero pensar, cada vez a nosa sociedade é máis diversa e desde a literatura debemos dar resposta a isto, acompañar e axudar a crear un mundo máis xusto. Eu son mestre a tempo completo e a miña faceta de escritor é algo complementario, pero en ambos os casos penso que debemos ofrecer material que as crianzas atopen atractivo, en parte para darlle voz a estas realidades, mais tamén para fomentar a lectura desde a infancia.

Estamos vivindo na época das tecnoloxías, consolas e demais e realmente penso que poden convivir, que empregadas na súa medida poden ser moi útiles, mais tamén penso que en moitas ocasións empréganse demasiado, levando ao esquecemento a literatura. A base dunha sociedade de progreso inclúe unha sociedade lectora e con espírito crítico e por iso debemos acostumar a rapazada a que lle guste ler, non por obriga, senón por pracer.

E como digo, para min, que fago isto no meu tempo libre, que un xurado da experiencia e reputación que ten o Premio Agustín Fernández Paz escolla a miña obra é un reforzo positivo que anima a seguir escribindo e que se agradece moito. 

—Aumentar a diversidade na literatura pode fomentar que as crianzas lean máis por sentirse identificadas?
Claro, a sociedade cada vez é máis diversa e nós temos que ofrecer camiños para que a rapazada se sinta arroupada en lugar de excluíla. Neste caso, Ringo é un animal que está acostumado a vivir nun circo con persoas que son todas diferentes entre si e precisamente na escola as crianzas son diferentes entre elas. Na narración tamén hai unha peculiaridade estilística xa que mesturo dous tipos de narradores.

Por unha parte, Ringo narra en primeira persoa como ve o mundo desde o seu rol de animal, lembrando tamén as súas aventuras no circo, e pola outra hai unha voz narrativa omnisciente que vai contando a historia da nena e as súas amizades unha vez que o coello comeza a formar parte do grupo. A nivel técnico penso que lle dá máis dinamismo e quizais as crianzas non o analizan deste modo, mais tamén penso que á hora de ler a historia achega máis diversidade, unha pluralidade de voces. 

—De onde vén a inspiración para crear estas historias?
Comecei na literatura infantil porque pensaba que debería haber máis contos relacionados con estes valores. Tamén, grazas ao meu traballo, podo percibir o que motiva ás crianzas e iso facilita moito crear materiais atractivos. Por exemplo, o meu primeiro libro, Nube branca quere ser astronauta (Baía Edicións), está pensado para desenvolver a linguaxe oral, entón, mesturados coa narración e a historia, hai uns exercicios con movementos da lingua para contribuír á correcta pronuncia dos fonemas ou para a coordinación fonorrespiratoria. O bo que ten a literatura infantil é que todo pode ser posíbel, permite soñar e crear novos mundos, e isto fai que á cativada lle resulte motivadora a lectura.  

Comentarios