A escritora Fina Casalderrey convértese en académica en Pontevedra

No Teatro Principal de Pontevedra, a cidade elixida pola escritora, Fina Casalderrey lerá hoxe o discurso co que ingresará na Real Academia Galega. Con ela a literatura infantil e xuvenil entrará nunha institución que volverá contar con cinco mulleres no seu plenario, o número máximo da súa historia. 

Fina Casalderrey
photo_camera Fina Casalderrey

“Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario” é o título do discurso co que a escritora Fina Casalderrey ingresará hoxe formalmente como numeraria da Real Academia Galega, nun acto aberto ao público que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra ás 19:00. Será a académica Rosario Álvarez Blanco a que lle dará réplica no acto, segundo rexe o protocolo da institución. 

Fina Casalderrey ocupará a cadeira que deixou vacante Illa Couto e con ela entrará a formar parte da institución con sede en Tabernas un dos nomes máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil, un xénero especialmente rico na literatura galega e que atravesa un dos seus mellores momentos. 

Coa entrada de Fina Casalderrey, a Academia volve contar con cinco mulleres no seu plenario, a cifra máxima acadada na institución e que minguara coa morte da bibliotecaria Olga Gallego. Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e agora Fina Casalderrey sentarán nas cinco das trinta cadeiras nos plenarios celebrados no do edificio da Rúa Tabernas.

Fina Casalderrey, natural de Pontevedra, é un dos grandes nomes da literatura galega con arredor de cincuenta títulos publicados. A súa primeira aportación á escrita dos máis novos foi Mutacións Xenéticas en 1991. En 1996 Os misterios dos fillos da Lúa outorgoulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Na súa traxectoria atópanse tamén tres singulares libros de recompilación de gastronomía tradicional, escritos canda o seu compañeiro Mariano García, O libro da empanada, Festas gastronómicas de Galiza e Repostería en Galiza.

Recentemente, Fina Casalderrey realizou xunto con Eloy Varela a curtametraxe Dúas Letras na que se adentra a través de imaxes na historia da emigración. O libro O neno can, escrito con Francisco Castro está tamén nas súas publicacións recentes.

En decembro Casalderrey recibirá a homenaxe da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) ao ser nomeada Socia de Honra. Fina Casalderrey será a terceira autora que a asociación recoñece coa súa distinción, despois de Neira Vilas e Agustín Fernández Paz. 

Comentarios