Fillas de Cassandra presentará o seu novo directo en Vigo

Nestas 'Últimas Dionisíacas', Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP.

Fillas de Cassandra apostan polo inédito no seu novo directo. (Foto: Sabela Andrés)
photo_camera Fillas de Cassandra apostan polo inédito no seu novo directo. (Foto: Sabela Andrés)

Logo de derrubar a “Acrópole” e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre a música tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. 

Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María Soa e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. 

"Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelábel”, explica o dúo. 

 Así, neste novo directo que se presenta este ano, concibido por Sara Faro e María Soa como un "festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco", a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. 

Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María Soa e Berto. 

A presentación de Últimas Dionisíacas terá lugar na sexta feira 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda desde onte a través da plataforma www.teuticket.com.

Comentarios