Fillas de Cassandra enchen a sala Capitol na presentación do seu novo disco

Centos de persoas desfrutaron este sábado de 'Acrópole', o novo traballo de MaríaSOA e Sara Faro
Fillas de Cassandra durante o concerto de presentación do seu novo disco este sábado. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Fillas de Cassandra durante o concerto de presentación do seu novo disco este sábado. (Foto: Aigi Boga)

Fillas de Cassandra presentou na noite do sábado o seu novo disco Acrópole na sala Capitol, en Santiago de Compostela. Centos de persoas acudiron ao evento para ver a actuación de MaríaSOA e Sara Faro -o dúo que conforma Fillas de Cassandra- e os convidados especiais, os artistas Berto e Mondra.

O concerto, que deu comezo ás 22 horas, arrancou co tema "Antígona", seguido por "Pandora" e "As Moiras". A cuarta peza foi unha colaboración do dúo con Mondra. “Estamos contentísimas de estar hoxe aquí; de estar tan ben acompañadas”, declararon as integrantes de Fillas de Cassandra ante unha sala Capitol practicamente chea.

Acrópole é o primeiro LP de MaríaSOA e Sara Faro, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, no que as artistas recuperan as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea da súa contorna. Trátase dun álbum conceptual conformado por oito relatos nos que Fillas de Cassandra viaxa a través dos textos clásicos desde unha perspectiva actual.

Durante o concerto de presentación do disco tamén se deu a coñecer a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras Luneda Producións e Tremendo audiovisual. Desde este sábado, xa se pode mercar o novo disco de Fillas de Cassandra nas tendas especializada, que tamén está dispoñíbel nas plataformas en liña desde o pasado 24 de febreiro.

O dúo Fillas de Cassandra

Nunha entrevista concedida a Nós Diario, Soa e Faro explicaban que o grupo naceu por casualidade así como o son que as caracteriza. “Eu fun pandeireteira e cantareira desde nena, iso fai que as coplas que saen ao compoñer teñan unha estrutura moi tradicional”, detallaba Faro. Soa engadía ao respecto que “estamos nun momento no que a música tradicional galega se mestura con outras músicas actuais e modernas (...) xuntas vimos que estaba saíndo esa mestura e que nos encantaba”.

“Temos a sorte de que as nosas nais e avoas estiveron implicadas coma nós en diferentes loitas, por iso para nós ser ‘filla de’ era importante” sinalaban Soa e Faro en conversa con Nós Diario sobre a elección de “Fillas de Cassandra”. O nome do dúo tamén ten que ver cos estudos teatrais de Soa, quen indicaba que “hai unha parte da mitoloxía clásica que me chama a atención e que cría que podía servirnos para reivindicar desde unha perspectiva feminista”.

A tradición, a novidade e a forza caracterizaron a actuación de onte así como a música de Fillas de Cassandra que, como elas mesmas aseguran, aínda que “esteamos moi afastadas da tradición que as nosas avoas seguían tendo, temos a necesidade de contactar coas nosas devanceiras”.

Comentarios