O fotoxornalista Brais Lorenzo, gañador do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica

O xurado destacou "a capacidade do autor para narrar  visualmente unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita".
Lume, a obra gañadora do premio Luis Ksado de creación fotográfica. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lume, a obra gañadora do premio Luis Ksado de creación fotográfica. (Foto: Europa Press)

A colección Lume, do fotoxornalista galego Brais Lorenzo, sobre a traxedia dos incendios forestais e as consecuencias do cambio climático, foi seleccionada como gañadora do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica que convoca a Deputación da Coruña.

No seu informe, o xurado destacou do conxunto de fotografías a actualidade do tema, "contado nunha secuencia que visualiza o drama humano e o ecolóxico".

"Todo na liña do máis puro fotoxornalismo, onde a narrativa visual fai fincapé nas persoas que viven intres de tensión", engade o informe.

Para os integrantes do xurado, Lume son doce fotos en cor "que cada unha ten vida propia", ao tempo que destacan que "o conxunto conta unha historia".

Subliñan tamén "a capacidade do autor para narrar de maneira visual unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita que mostra unha proximidade física ao tema non só nos momentos do incendio, senón despois, as consecuencias".

O xurado que valorou o total das coleccións presentadas nesta edición estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e composto por Andrea Costas Lago, Maria Phyliss Salvia Mann, Silvia Omedes Alegre, Judith Prat Molet e Eduardo Rodríguez Ocho.

Comentarios