Contracultura

Tono Arias: "Se quero achegar algo á fotografía teño que darlle á xente cousas que non pode ver"

Tono Arias, fotógrafo, vén de participar no XII Encontro de Artistas Novos levado a cabo na Cidade da Cultura cun relatorio sobre a súa experiencia. Arias fala do seu espazo, Dispara, e da evolución da industria fotográfica ao longo da súa carreira, agora centrada no documental porque, como el di, "ás veces conta máis o tendal dunha casa que o propio retrato da familia".
O creador Tono Arias leva case corenta anos no mundo da fotografía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O creador Tono Arias leva case corenta anos no mundo da fotografía. (Foto: Nós Diario)

—Como foi a experiencia no XII Encontro de Artistas Novos?
Non participara nunca. Para min sempre é interesante mesturarme con artistas, aínda que non me sinto integrado no termo. Si que fago cousas como libros, fotografías ou exposicións; véxome máis como creador que como artista. Conteilles o meu traballo desde que comecei na prensa até o que fago agora con Dispara na Estrada. Ao final é unha traxectoria que comezou en 1984 e diría que teño unha experiencia importante. 

—Pasou por moitos ámbitos dentro deste mundo.
A todo o relacionado coa fotografía póñolle boa cara. Se me chaman para facer unha voda, aínda que non é algo que me interese moito, vou encantado porque sempre atopo un recuncho para o meu espazo como creador; alén das fotos que se necesitan dunha voda, fago imaxes para o meu traballo documental. Gústame sobre todo facer cousas relacionadas coa contorna, co meu territorio e co que constrúe e destrúe a xente. A prensa dáche a aprendizaxe de saberte colocar e xa sei como se pode producir unha imaxe nun momento dado. Ás veces falla, claro, mais tes esa experiencia e esa enerxía de estar atento.

A prensa cambiou moito, mais na época na que eu traballaba era necesario capturar un instante que os teus compañeiros non puidesen ter, había bastante competencia entre nós e iso queda no teu ADN para aplicalo despois. Agora fago un traballo máis documental, mais sigo buscando esas imaxes. A min non me interesa sacar o que acontece nun momento e que todo o mundo pode ver, quero capturar o que ocorre detrás del, antes ou despois.

Nestes momentos os fotógrafos temos competencia con todo o mundo en xeral, porque todas as persoas sacan fotos. Se quero achegar algo á fotografía teño que darlle á xente cousas que non pode ver. E para iso non podes estar onde están todos os cidadáns; ás veces conta máis o tendal dunha casa que o propio retrato da familia, ou o lixo que tiramos. Isto é utilizar unha linguaxe en chave co lector, que poida imaxinarse e conectar dunha forma que non sexa moi obvia.

—Os encontros e o intercambio de experiencias son tamén a motivación de Dispara.
Si. Tamén pretende ser un espazo no rural, co que significa instalarse aí porque é difícil atopar público e participación. Ademais non temos orzamento, financiamos todo coas persoas que veñen mercar un libro ou que se apuntan a un taller. Ao mellor, con 600 euros montamos unha exposición. Non é algo que sexa rendíbel economicamente, mais creo que precisamos ter esta enerxía totalmente independente.

É un certo luxo a estas alturas estar facendo cousas e que ninguén che diga por onde tes que ir. Significa que vas estar sempre instalado nunha precariedade, mais unha vez que te acostumas non hai problema.

—Cales son os cambios máis salientábeis que percibiu desde os seus inicios?
É complexo. Hai algunha xente que esta é a súa forma de vida e outra que está nunha situación moi precaria. Até que comezou a fotografía dixital compensaba ser fotógrafo porque despois de revelar no laboratorio só había que entregar as copias. Agora hai que retocar todas as imaxes e inclusive engadir cousas ou persoas que non estaban. O traballo duplicouse e non se cobra nin a metade do que se cobraba.

Tamén hai moitas pequenas empresas que teñen unha certa despreocupación pola imaxe e a institución é a primeira que non respecta o sector. Non pode ser que apareza o logo da Xunta nun libro feito por unha editorial importante e que o fotógrafo sexa un afeccionado que non está dado de alta nin cobrando unha tarifa mínima. As institucións públicas deben preocuparse de traballar con profesionais porque senón estamos financiando a precariedade dun sector.

Comentarios