O Fetega premia a Asociación de Actores e Actrices da Galiza

Entrega esta distinción como recoñecemento "ao continuado traballo de promoción e formación das artes escénicas" desenvolvido pola AAAG desde a súa fundación en 1985.
A compañía Barafunda abre hoxe o Fetega do Carballiño.
photo_camera A compañía Barafunda abre hoxe o Fetega do Carballiño.

O Festival do Teatro Galego Celso Parada (Fetega), que celebra entre hoxe e o sábado no Carballiño a súa 34ª edición, concedeulle o seu Premio de Honra Dorotea Bárcena á Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG). Así o anunciou o festival nun comunicado no que explica que se entrega esta distinción como recoñecemento "ao continuado traballo de promoción e formación das artes escénicas" desenvolvido pola AAAG desde a súa fundación en 1985. Ademais, o Fetega pon en valor tanto "a longa traxectoria" como o labor da AAAG á hora de crear "a unión necesaria entre as e os profesionais do sector". 

A AAAG, entidade sindical que reúne gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, únese así a longa nómina de persoas e entidades que recibiron este galardón. Unha listaxe que, nos últimos anos, inclúe nomes como Marta Pazos, Marta Núñez, "Tatán" ou Miguel de Lira. 

Inmensa gratitude da AAAG

A AAAG manifestou a "inmensa gratitude" por este recoñecemento, que chega "desde un dos festivais de maior traxectoria dentro do circuíto de mostras escénicas da Galiza. O seu esforzo durante décadas a prol do noso teatro, da nosa cultura e da nosa lingua fan deste galardón, que leva o nome de Dorotea Bárcena desde 2017, un dos máis especiais que se poden recoller no seo do noso sector". 

O programa desta edición do Fetega ábrese hoxe coa sesión infantil da obra Antón, un neno diferente, de Barafunda. Mañá chegaralle a quenda a O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro, protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez e dirixida por Alex Sampayo.
Na sexta feira, Teatro do Noroeste representará As damas de Ferrol, dirixida por Clara Gayo con Mónica Camaño e Casilda Alfaro no elenco. Xa o sábado, Malasombra chegará ao Carballiño coa obra Testosterona, dirixida por Xoque Carbajal e protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia.

Comentarios