Volve o Poemagosto a Allariz con este completo programa para todas as idades

Após un ano de paro, Allariz volverá vibrar os días 6 e 7 de outubro co Festival Internacional de Poesía.
Un instante dunha pasada edición do Poemagosto. (Foto: Festival Poemagosto)
photo_camera Un instante dunha pasada edición do festival. (Foto: Poemagosto)

Tras un ano de pausa, o Poemagosto-Festival Internacional de Poesía en Allariz prepárase para a súa novena edición, que se desenvolverá os días 6 e 7 de outubro, sexta feira e sábado, prometendo "un emocionante encontro de poesía, música e cultura" en Allariz, avanzan desde a organización, a Asociación Cultural Teleclube O Acomodador.

O festival contará este ano coa participación de destacados e destacadas poetas de diversas rexións como nos explicaron as persoas organizadoras, como a galega Branca TrigoMarta Eloy Cichocka (Polonia); María Ángeles Pérez López (Castela); Sara Plaza (tamén da Galiza), e Xuan Bello (Asturias).

A programación do festival abranguerá unha ampla variedade de eventos aptos para todas as idades e preferencias, a comezar polo 'serán infantil' da sexta feira, a partir das 18 horas, na praza de Abaixo de Allariz. Haberá un obradoiro de pandeiretas con materiais reciclados a cargo de Lorena Aula Cantarela, así como un espectáculo musical, Alegría, con Marta Bravo e Sérgio Tannus. E, contra as 23 horas, un concerto de Su Garrido Pombo.

O sábado ao mediodía, no patio do Museo do Coiro, un recital de poetas amenizará o inicio da xornada canda o concerto de Diana Tarín e Héctor Lorenzo. E en horario de tarde, a partir das 19h, unha segunda sesión do recital de poetas, concerto dos mozos alaricanos Roña e o espectáculo de danza 8 km en Mula, con Álvaro Murillo. Logo seguirá a festa co concerto de TOR e unha foliada con As da Chispa e outros artistas convidados.

Poemagosto é un evento que celebra a diversidade da poesía internacional e a riqueza da cultura. Desde a organización convidan "todas as persoas amantes da poesía, da música e da arte a unirse a este encontro único que reunirá a talentosos poetas de distintas zonas de Europa".

Comentarios