domingo 24/10/21
O Poemagosto. Festival Internacional de Poesía decorrerá do 2 ao 3 de outubro

Poesía e música cítanse en Allariz

O recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz acollerá a VIII edición do Poemagosto, programado para o 2 e 3 de outubro. Unha cita de referencia que este ano contará coa palabra de Manuel Rivas, Helena Villar Janeiro ou Lorena Conde, desde a Galiza, e Samuel F. Pimenta ou Itisha Giri, desde outras latitudes.
A poeta Itisha Giri é unha das convidados a recitar nesta VIII edición do Poemagosto, en Allariz.
A poeta Itisha Giri é unha das convidados a recitar nesta VIII edición do Poemagosto, en Allariz. (Foto: Nós Diario)

O que comezou como un festival de poesía entre a Galiza e Portugal acabou por se estender até o resto do globo, mais coa vila de Allariz como epicentro da palabra e co Poemagosto como punto de encontro. A iniciativa, organizada pola Libraría Aira das Letras e pola Fundación Vicente Risco, coa colaboración do Concello de Allariz e a Xunta da Galiza, tornouse, co paso dos anos, nunha cita de referencia no ámbito cultural galego. 

Poesía e música conviven nunha xornada que se presenta diferente, “unha especie de magosto cultural”, afirma Carlos da Aira, director e coordinador do Poemagosto. É xa “un festival de referencia anual” que “non fixo máis que medrar en todos os sentidos”, desde a calidade até a propia programación, “algo que tamén veu dado por unha retroalimentación da resposta do público, que reafirmaba o noso dereito a presentalo como tal tanto ao Concello de Allariz, que sempre axudou, como á Fundación Vicente Risco ou ás empresas allaricenses, con Aira das Letras como referente de patrocinio especial”, engade. 

É necesario, nese punto, "salientar o agradecemento á Fundación Vicente Risco, a Aira das Letras e ao Concello de Allariz, así como a ese nutrido grupo da pequena empresa de Allariz que colabora economicamente para sacar adiante o proxecto", comparte Da Aira. "Hai unha resposta brutal porque moitos pouquiños fan moito", salienta.  

E é que o Poemagosto coloca Allariz no centro, unha vila que "non deixa de ter o hándicap de ser un concello do interior do interior, fronte a ese monopolio da AP-9 que impón Vigo-Santiago-A Coruña", confesa. Non obstante, ou grazas a ese contexto, a resposta é "marabillosa". "Recibiamos 300 ou 400 persoas a diario no Poemagosto prepandemia", explica Da Aira, e "incluso o ano pasado, en plena pandemia, notamos unha resposta fantástica". 

Esta VIII edición do Poemagosto desenvolverase o sábado 2 e o domingo 3 de outubro no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Ao igual que na edición anterior, aplicarán, segundo adiantan, unha redución nos espazos, máis que pola capacidade, por unha cuestión de precaución. "Aínda que a situación está moi ben neste concello, temos que, por protocolo, mudar os espazos". O Festival realizarase nunha zona máis aberta, aproveitando que o Festival Internacional de Xardíns se dedica á poesía. 

Poetas convidadas

"Procuramos que", ano tras ano, "haxa unha boa variedade de poetas", valora Da Aira, para achegar unha mostra das diferentes voces que fan da poesía unha forma de se posicionar no mundo. Esta cuestión vese reflectida na convivencia de poetas de diversas idades e estilos ás que tomar o pulso no festival. Ademais, "ao carón de poetas moi recoñecidos atoparemos novas voces", conta.

Nesta VIII edición do Poemagosto poderemos escoitar, desde a Galiza, a Manuel Rivas, de quen levan tempo agardando a visita; Lorena Conde, quen acaba de gañar un premio de poesía publicado por Aira Editorial, "unha referencia e unha casualidade que nos facía especial ilusión", comenta o director; Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, poetas de total referencia. A canda eles estarán as voces de Samuel F. Pimenta, desde Portugal; Itisha Giri, do Nepal, India, unha poeta que xa estivo na Galiza en diversas ocasións, "traducida por Gonzalo Hermo", explica; e Zahra el Hasnaoui, que chega até Allariz desde o Sáhara Occidental.

As músicas

Coa entrada da Covid-19, na anterior edición víronse na obriga de propor actuacións separadas. "O ideal era que houbese diversas actividades simultáneas en diferentes espazos, mais agora temos que nos guiar por unha entrada única", explica. Así, a proposta é intercalar os recitais dos poetas convidados coas actuacións musicais. 

O sábado pola mañá, ás 12 horas, contarán coa actuación de Xoán Curiel, que estará en formato dúo, e, xa pola tarde, ás 18 horas, actuarán o dúo Caamaño&Ameixeiras. Á noitiña, arredor das 20.30 horas, porá o ramo á xornada Uxía, quen estará acompañada por Sérgio Tannus. "Para nós a guinda é o concerto de Uxía", conta. "Tivemos a sorte de que aceptase o convite ao Poemagosto e que o faga acompañada de Sérgio Tannus, xa amigo, é moi especial. Será un concertazo", afirma. 

Mais o Poemagosto non remata aí, pois para o domingo pola mañá teñen programado un concerto con David Regueiro en formato cuarteto, "cun proxecto moi especial no que toca cunha guitarra do luthier Carlos Sabrafén", adianta. Regueiro "creou un repertorio orixinal inspirado no camiño de Santiago", que levará até Allariz, onde estará aparellado "con outro recital moi especial de poesía novísima, con máis sorpresas".

comentarios