O Festival de Cans renderá homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera

O gran acordeonista, que sufriu un ictus que agora lle impide tocar, regresará a Cans dez anos despois da súa memorable actuación no Jaliñeiro, converténdose no primeiro músico do mundo que dará o seu nome a un galiñeiro.
Histórica actuación de Kepa Junkera no Jaliñeiro en 2014. (Foto: Alberto P. Barahona)
photo_camera Histórica actuación de Kepa Junkera no Jaliñeiro en 2014. (Foto: Alberto P. Barahona)

O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio nesta aldea do Porriño, tributará este ano unha homenaxe ao acordeonista vasco Kepa Junkera e farao dun xeito singular: bautizando o histórico espazo do Jaliñeiro co seu nome. Junkera converterase deste xeito no primeiro músico do mundo que teña un galiñeiro no seu honor.

Cans quere recoñecer deste xeito o impacto e a dimensión deste músico extraordinario ao que un ictus sufrido en  Bélxica en 2018, obrigou a abandonar os escenarios. Junkera foi un dos artífices de darlle á música tradicional unha proxección universal, a partir do xeito virtuoso de tocar a súa trikitritxa. Deste xeito, Kepa Junkera regresará a Cans dez anos despois da súa actuación memorable no Jaliñeiro no ano 2014, onde centenares de persoas o aclamaron polos camiños da aldea, antes de entrar neste espazo emblemático. Aquela foi unha das tardes máis emocionantes da historia do certame.

O músico vasco presentou en Cans o seu disco Galiza, que lanzara uns meses antes, e convidou ao histórico acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo, que naquel momento contaba con 86 anos e falecería pouco tempo despois. Aquela actuación deulle un aura máxica ao Jaliñeiro, onde o festival programou actuacións vinculadas a proxeccións de cinema durante dez anos, desde 2008 ata 2017.

O público de Cans gravou na súa memoria actuacións únicas neste espazo, de artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Mercedes Peón e Janet Novás, Uxía, Radio Océano ou os Diplomáticos. O tributo a Kepa Junkera completarase coa colocación dunha placa co seu nome no galiñeiro e coa presenza de moitos amigos músicos e artistas que o festival convidará para a ocasión, onde se prepara unha festa para o final do día.

Pezas audiovisuais

Junkera, que agora precisa moverse nunha cadeira de rodas, ten previsto desprazarse a Cans, onde tamén asistirá á estrea de dúas pezas audiovisuais inéditas feitas na Galiza.

Unha delas constitúe o inicio do proxecto documental De Kepa a Pazos da realizadora Susana Sotelo, e a outra Jaliñeiro K, de Martín Rodríguez, sobre o seu paso polo festival hai dez anos. O festival tamén programará o emocionante documental Berpiztu de Fermín Aio, onde o propio Kepa, a súa familia e amigos contan por vez primeira como se enfronta a unha nova vida sen poder subir aos escenarios.

Comentarios