O proxecto de arquivo dixital do Festival de Cans preséntase en Venecia

O proxecto, que está en fase de busca de financiación e socios doutras universidades, terá a singularidade de conectar o arquivo histórico do festival de cine co arquivo da memoria rural da aldea de Cans.
Festival de Cans
photo_camera Festival de Cans

O Festival de Cans, a mostra cinematográfica que cada ano decorre no Porriño, dará esta cuarta feira un novo paso internacional, ao presentar o seu proxecto de arquivo dixital histórico do certame, na Univeristá Ca´ Foscari, a principal universidade de Venecia.

A profesora e investigadora madrileña Rosana Vivar, profesora de comunicación da Saint Louis University Madrid -que ten traballado na metodoloxía dos arquivos con outros certames de prestixio-, será a responsábel de mostrar este ambicioso proxecto, no marco do 10º Congreso Internacional sobre a Historia do arte multimedia, as ciencias e a tecnoloxía", organizado polo Venice Center for Digital and Public Humanities.

A investigadora Rosana Vivar trazou, en xullo, unha primeira análise para ordenar o enorme arquivo xerado polo certame, que este ano cumpriu vinte anos de vida.

Ademais dun voluminoso arquivo audiovisual, de gravacións de audio ou da recuperación de fotografías das primeiras edición que se daban por perdidas, estase a comezar un traballo de dixitalización de todos os documentais que se gravaron coas veciñas e veciños de Cans promovidos polo festival.

 

Cinema e memoria do rural

Unha das singularidades é que se pretende conectar o arquivo dos contidos do festival coa preservación da memoria rural da aldea, rescatando e dixitalizando vídeos, gravacións de audio ou fotografías. Non será só un proxecto dos arquivos do festival, senón tamén un xeito de preservar o patrimonio documental da aldea, unha liña na que o festival vén traballando hai anos a través do proxecto de documental colectivo “Cans 303”, dentro do cal xa se produciron varias pezas arredor de temas como as feirantas, o contrabando, a vella escola de Cans ou os bares pechados.

Comentarios