A XXI edición do Festival de Cans será de 21 a 25 de maio

A cita regresará en 2024 ás súas datas naturais na cuarta semana de maio, coincidindo co Festival de Cannes francés.

festival cans
Unha imaxe de arquivo dunha edición anterior do festival (Foto: Festival de Cans)

 A XXI edición do Festival de Cans, xa ten datas para 2024. O festival desenvolverase ao longo de cinco días, entre a terza feira 21 e o sábado 25 de maio.

Así o decidiu a asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans desde a súa primeira edición, celebrada no ano 2004. O certame regresa así ás súas datas naturais na cuarta semana de maio, coincidindo coas datas do Festival de Cannes francés, após que o pasado ano tivese lugar na terceira semana do mes, cadrando coa semana das Letras Galegas.


Despois da decisión da asemblea, o festival comunicou xa as datas ás veciñas e veciños que prestan as súas casas e colaboran co festival, así como ás institucións, patrocinadores e empresas locais que apoian o certame.

O festival de Cans foi elixido o pasado ano como unha das grandes referencias culturais da Galiza, segundo o estudo promovido pola Fundación Contemporánea, referente dos estudos culturais no Estado, e recibiu recentemente o Premio CREA á súa traxectoria, outorgado por esta asociación que reúne perto de 200 directores e directoras de cine de toda a Galiza.


A organización traballa agora mesmo en reunións con institucións e na procura de patrocinios para a nova edición. Nos vindeiros días o certame anunciará a apertura da súa convocatoria para recibir obras que desexen participar na nova edición do festival.

Por outra parte, o ciclo Cinemaldea, que o Festival de Cans promove co Concello do Porriño, para levar o cinema ás aldeas do municipio, rematará este domingo 3 de decembro.

A derradeira das proxecións terá lugar no Centro cultural ás 17,00 horas e contará coa presenza do cineasta de Marín Ángel Santos, triunfador da última edición do Festival de Cans co filme Alicia fai cousas
 

Comentarios