Galiza no Jaliñeiro de Cans co son de Kepa Junkera e Pazos de Merexo

Galiza, o novo disco de Kepa Junkera sentirase no Jaliñeiro do Festival de Cans canda o acordeonista de 86 anos da Costa da Morte, Manuel Pazos na noite do sábado día 24. Os dous músicos son protagonistas da curta “De Merexo a Kepa”, da que se fará un adianto. 

Pazos e Kepa
photo_camera Pazos e Kepa

A Cans non lle faltan ingredientes e, alén do audiovisual, a música é compoñente fundamental do festival que máis se gaba do seu carácter rural. Desta volta, Kepa Junkera achegarase ao Jaliñeiro co seu novo Galiza, o álbum no que contou coa colaboración dun bo grupo de protagonistas do folc galego e que desta volta presenta canda Manuel Pazos, o de Merexo, o acordeonista da Costa da Morte que protagonista con el a curtametraxe, “De Merexo a Kepa”, dirixida por Susana Sotelo e Iria Lema, da que tamén se ofrecerá un adianto. Será unha das poucas oportunidades para ver en escenario os dous acordeóns ao tempo, a tradición patrimonial do Merexo e o entusiasmo de Junkera. 

A programación musical de Cans incluirá tamén o nome revelación do pasado ano, Caxade, que conseguiu esgotar en pouco tempo a primeira edición do seu disco inaugural. Alonso Caxade presentará a súa maneira de achegarse aos videoclips coa proxección dos seus “A Dança dos Moscas” e “Gente Pota”. 

Tamén polo Jaliñeiro pasará o cociñeiro Pepe Solla que preparará unha sobremesa cos ingredentes da aldea, e a colaboración da veciñanza ademais de ofrecer un concerto da súa case descoñecida faceta musical da man dunha guitarra. 

Mina e Serafín son os veciños propietarios da “Casa do Pedreiro” que ceden cada ano o Jaliñeiro e a Sala Multiusos ao Festival, pasando as pitas a outro cortello próximo. Trátase doutro dos sinais de identidade do Festival, a implicación activa da veciñanza na súa organización. 

Comentarios