Contracultura

Paula Carballeira: "Se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se deu valor á memoria, ao que somos"

Paula Carballeira, escritora, intérprete e actriz, conversa con 'Nós Diario' sobre  'Facer memoria', un proxecto que desenvolve desde a compañía Berrobambán e que remata nun espectáculo entre o escénico e o experiencial. Carballeira fala da transmisión oral, dos mitos e contos de medo que explican a humanidade e, en definitiva, como ela di, "de dar valor a cousas que, se non se expresan, se perden".
A escritora e intérprete Paula Carballeira afonda na transmisión oral, mitos e contos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora e intérprete Paula Carballeira afonda na transmisión oral, mitos e contos. (Foto: Nós Diario)

—Facer memoria é un xeito de recuperar a transmisión oral?
Está relacionado sobre todo coa memoria dos lugares, é reconstruír a historia dun sitio a través da memoria da xente. Queremos facer ver que se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se lle daba valor a memoria, ao que nós somos. Traballamos co colectivo Mazarelos, que nos elabora unha pequena documentación sobre o lugar escollido. Cando nos poñemos en contacto co Concello, diríxenos a asociacións que dinamizan o lugar e estas fannos de ponte con algunhas persoas que acceden a estar con nós. Así, temos un encontro e en función da documentación que temos voulles sacando pequenas historias ou lembranzas.

Facémolo en dúas parroquias. Son tres xornadas de encontros e na última facemos unha pequena experiencia escénica na que resumimos o noso paso polo sitio, as historias que nos contaron e tamén chamamos a xente para que o conte alí. Eu vou fiando con outras historias que xa sei ou que me lembran a outros lugares ou outras lendas. Por iso é peculiar, porque para nós require dun proceso moi diferente ao dunha montaxe teatral ao uso.

—É unha forma de que o público tamén estea implicado.
Sobre todo despois do confinamento, sentimos a necesidade de mudar a nosa relación co público. Non é só chegar e ofrecer os espectáculos, que tamén está moi ben, senón estabelecer un contacto moito máis directo. É unha cuestión de darlle valor a cousas que se non se expresan, se perden. Quixemos probar este espectáculo experiencial coidando que teña un certo ritmo e tamén o que dicía, botando eu man de contidos, contos e lendas que xa traballei. A dificultade neste tipo de proxectos é que non podes prever moita cousa: ao mellor levas algo preparado da casa e resulta que non lles interesa falar diso e queren outra cousa totalmente distinta. Tamén hai que ter en conta que traballamos con persoas que non teñen unha noción escénica, actuamos moitas veces de moderadoras.

—Hai patróns comúns entre as lendas de diferentes concellos?
O bonito de que estas historias estean tan vivas na xente é que en todos os lugares comezan con "isto non é un conto, pasou de verdade". E logo contan historias que son comúns en moitas partes, como a da persoa que pasea pola noite diante do cemiterio e queda enganchada a unha silveira ou á cancela. Hai historias que son propias e que teñen que ver tamén coas características do lugar, se é de costa ou de interior, pero tamén hai un acervo común onde as historias se repiten. Ten moito que ver tamén co que tardou en chegar a luz eléctrica a moitos sitios, dos quilómetros que se facían andando e con outro concepto de comunidade e de colectivo, por iso hai moitos contos de aparecidos ou da Santa Compaña. Ademais, cando remate o proxecto queremos deixar constancia disto nun podcast, unha idea que enlaza directamente coa transmisión oral porque permite escoitar as voces das persoas que contan as historias.

—Estas lendas teñen moito de terror, igual que a súa obra Dentes de coello, que recibiu o Premio Laudamuco.
Sempre me interesou o concepto de medo. Esa concepción do mundo no que hai un diálogo san entre a vida e a morte e na que os medos teñen forma de aparecidos. Non me interesa tanto o susto como iso máis profundo que nos explica quen somos, como é a humanidade. Para min o medo é unha sensación interesante porque nos esperta da comodidade, pero non pode ser paralizante. Temos que loitar contra o que nos impide reaccionar. Dentes de coello é a seguinte obra de Berrobambán, onde se enlazan todos estes proxectos como nunha triloxía sobre a nosa relación coa natureza e o bosque como lugar de perigos.

Comentarios