Contracultura

Celso Fernandez Sanmartín: "A cultura popular galega dispón dun abraiante depósito de realismo máxico que hai que contar"

Celso Fernández Sanmartín é un dos mellores narradores orais do país. O seu repertorio xorde dos seus encontros coas persoas maiores, ás que escoita relatos que sintetizan toda unha cultura, unha forma de ver a vida. Agora vén de recibir o Premio Rebulir na categoría de Artes Escénicas.  

Celso F. Sanmartín vén de recibir o Premio Rebulir.
photo_camera Celso F. Sanmartín vén de recibir o Premio Rebulir.

—Supoño que o feito de que lle outorguen un premio "por preservar e difundir a tradición oral galega desde o respecto" faille unha especial ilusión.
"Respecto" é unha palabra que me gusta moito porque, ás veces, cando se fala de narración oral, ponse o acento no humor, nalgún aspecto anecdótico... mais non se dimensiona correctamente o que ten de transmisión dunha cultura. Eu traballei moitos anos con residencias de anciáns e puiden ver como o que contan ten moitas caras, como existe unha carga reflexiva moi digna de contar e unha carga de experiencias vitais abraiante. A nosa cultura popular conta cun depósito de "realismo máxico" impresionante. Cando apareceron eses Pokemon que introducían seres fantásticos na realidade, eu pensaba que nós xa tiñamos iso. Meu avó non inventaba, mais contaba que levando as vacas ao monte vira "unha galiña de ouro cuns pitos tamén de ouro" que se meteran nun burato e desapareceran. Esa irrupción do fantástico forma parte da cultura galega e hai que contala toda, tendo en conta en que situación se conta. 

—Vostede sempre trata de reproducir escenicamente a situación en que esa historia lle foi contada, sempre inclúe o contexto do que xorde a anécdota.
A narración oral non é teatro, non hai cuarta parede. Estabeleces unha relación directa co público, desde ti mesmo, non desde un personaxe. E por iso trato sempre de citar a fonte, de quen recibín a historia, porque creo que igual que a historia non se debe perder, tampouco se debe perder a memoria da situación na que xurdiu. Creo que estas historias que proceden do pobo son exemplos de xenerosidade, de esforzo e de dignidade. Exemplifican un modo de vida no que había, quizais, moita pobreza  material pero tamén moita riqueza espiritual.

—Segue existindo ese complexo cultural que transmite ensinanzas dunha xeración a outra?
Da mesma maneira en que se daba antes non, desde logo. Nos últimos cen anos a sociedade cambiou por completo. Eu teño algún amigo duns sesenta anos que di que coñeceu a Idade Media: coñeceuna a través dos contos que se narraban na súa familia, na súa aldea. E eu, a través da miña avoa, estaba moi familiarizado coa desamortización. Esa forma de manter a memoria colectiva xa non existe: a tecnoloxía da comunicación modificou por completo os modos que temos de relacionarnos, de falar, e mesmo de seleccionar aquilo que consideramos digno de ser contado. A min interésame moito cando a xente conta a súa vida, pero a xente tende a contar o que considera unha "aventura", case sempre o que lle sucedeu durante as vacacións. Pero a verdadeira aventura está no drama diario: cando volves do hospital de visitar un ser querido, cando non es quen de conseguir un traballo.

—E non se contan esas cousas?
Habitualmente non, pensamos que vivimos en comunidade porque as redes sociais xeran esa ilusión, mais eu o que vexo é que cada un permanece na súa garita, contando cousas superfluas ou opinando sobre temas que non domina. Vexo unha grande exacerbación dos egos, todos cremos que calquera cousa que se nos ocorra debe ser escoitada. Eu creo que iso non é exacatamente así e o máis triste é que se vai deteriorando o sentido de comunidade. 

—En todo caso, a narración oral mantén, até certo punto, esa herdanza cultural.
Nunca pode ser o mesmo, porque non ten os mesmos fins. A cultura de escenario non suple a comunidade. Mais está moi ben que exista todo este movemento porque dalgunha maneira, lémbralle á comunidade que esa forma de transmitir existe. É como na música: o cantar e o bailar formaba parte da vida cotiá e as agrupacións de música tradicional teñen outra finalidade. Coa narración oral sucede o mesmo. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios