O festival Atlántica amplía fronteiras

O Festival Atlántica vén de anunciar o programa completo da súa undécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 9 de xullo.
Anxo Lourenzo, Soledad Felloza e Xurxo Couto na presentación de Atlántica, onte.
photo_camera Anxo Lourenzo, Soledad Felloza e Xurxo Couto na presentación de Atlántica, onte.

O Festival Atlántica vén de anunciar esta terza feira o programa completo da súa undécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 9 de xullo. 

Soledad Felloza, directora do festival, salientou o carácter cada vez máis internacional de Atlántica, "non só polos convidados, senón tamén pola estrea de sede en Portugal, concretamente en Pitões das Júnias, onde o festival participará nos actos de conmemoración dos 750 anos da vila". Congratulouse tamén de que Atlántica siga a afondar "no obxectivo de que a cultura de calidade non só é para as cidades e debe chegar ao rural, buscando a descentralización dos circuítos culturais". 

 

A maioría dos 38 artistas convidados son galegos e tamén mulleres. No programa figuran o cubano Pedro Mario López, os portugueses Luis Correia Carmelo, Rosa Gonçalves, Estefânia Surreira e Vitor Fernándes, a catalá Sherezade Bardaji e os zamoranos Charo Jaular e José Luis Guiérrez ‘Don Guti’.

A lista complétase con case unha trintena de narradores galegos: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Charo Pita, Vero Rilo, María da Pontragha, Celso Fernández Sanmartín, Anxo Moure, Atenea García, Bea Campos, Cris Collazo, Cris de Caldas... Tamén haberá espazo para músicos como Ugía Pedreira, Pakolas, Luis Prego, Santi Crebeiro, Sonsoles Penadique ou Amor Herrera. E especialistas doutros eidos que se converterán en narradores por un día: Manuel Gago, Rebeca Blanco, Carlos Otero e Guillermo Llorca. 

Atlántica está a buscar  novas vías de expresión e, dentro dese proceso, este ano convida a narradores que falan en primeira persoa da migración nos planos emocional, artístico e literario. É o caso de Rosa Gonçalves, unha narradora portuguesa de orixe galega, o cubano Pedro Mario López, que leva trinta anos asentado en Colombia, ou a música Amor Herrera, tamén cubana e establecida na Galiza. 

Comentarios