Máis

Ferrol coas Irmandades da Fala

A fundación da Irmandade da Fala de Ferrol, o 15 de xullo de 1917, marcou o comezo dunha intensa actividade cultural e editorial na cidade que reivindicou a identidade propia da Galiza. Este proceso de posta en valor da cultura e da lingua galega contou co apoio da intelectualidade do momento.
Teatro Jofre
photo_camera O teatro modernista Jofre localízase no corazón do barrio da Madalena, na cidade de Ferrol.

No primeiro terzo do século XX, numerosos  intelectuais tomaron conciencia da necesidade de artellar redes e estruturas que permitisen ampliar a difusión do galego entre os distintos estratos da sociedade. O galeguismo traballou arreo para dotar a lingua de recursos de dinamización. Froito deste arduo labor, o 18 de maio de 1916 naceu na cidade da Coruña a primeira Irmandade da Fala. A partir de entón, localidades como Ferrol acolleron eventos culturais orientados a enxalzar a cultura e a identidade galega.

O roteiro denominado Ferrol coas Irmandades da Fala é un revulsivo para que a sociedade actual coñeza as achegas dunha entidade que resultou decisiva para o país.
A iniciativa naceu na cidade naval no ano 2016 da man de Rexenerando, unha cooperativa que traballa no eido social. O obxectivo deste proxecto era principalmente dignificar a memoria da cidade e difundir o seu pasado galeguista. 

A ruta deseñada por Rexenerando foi impulsada en 2016, co gallo da conmemoración do cen aniversario das Irmandades. En declaracións a Nós Diario, Olga Romasanta, socia da cooperativa e coordinadora da Área de Cultura, memoria e territorio, valorou o roteiro de Ferrol coas Irmandades da Fala como un proxecto útil e moi enriquecedor para Ferrol: "É unha oportunidade para ver a cidade con outros ollos", expresa. A singradura de Rexenerando comezou en 2014 e desde entón emprendeu múltiples accións cun marcado carácter social.

Unha imaxe xusta de Ferrol

Ademais da ruta das Irmandades da Fala, tamén obtiveron éxito outros itinerarios como Ferrol Rebelde e Ferrol con Calvalho Calero. Romasanta considera que existe unha "comunidade" arredor desta cooperativa que demanda ese tipo de actividades. Para ela a principal achega do roteiro é "devolver unha imaxe máis xusta do que foi Ferrol a nivel cultural e tamén da súa relación co galeguismo".

O 15 de abril de 1917 naceu a Irmandade da Fala de Ferrol no local Airiños da miña terra. Na súa orixe estivo integrada por Xaime Quintanilla, que exercía de conselleiro primeiro; García Niebla, de conselleiro segundo; Euxenio Charlón, de secretario; e Cabo Pastor, de tesoureiro.

Hoxe o roteiro Ferrol coas Irmandades da Fala repasa os puntos da cidade que nalgún momento tiveron contacto co traballo do galeguismo. A Irmandade conectou cedo co coro Toxos e Froles, fundado polo proletariado ferrolán en 1915. O seu local estaba na rúa Dores 62, un dos puntos que forman parte do roteiro. Xaime Quintanilla colaborou con este coro entre 1920 e 1923.

Quintanilla destacou por ser un home polifacético que elevou o traballo da Irmandade ao seu máximo expoñente. Presidiu o coro Toxos e Froles, fundou a editora Céltiga e escribiu ducias de artigos e obras de teatro.  A súa residencia estaba na rúa Dores 64, no primeiro andar. O inmóbel foi durante moito tempo o espazo de reunión da intelectualidade ferrolá, que se reunía para debater sobre temas culturais e políticos.

A actividade da Irmandade intensificouse a partir do 13 de decembro de 1917, cando se inaugurou o seu local. Nesa data iniciaron tamén a publicación de Galicia. Boletín Rexionalista, que axiña tornou en Galicia. Orgo da Irmandade da Fala. A influencia da Irmandade manifestouse en numerosas disciplinas, por exemplo na arquitectura. En 1925, Rodolfo Ucha concluíu a construción do Casino Ferrolán, espazo de reunión de persoeiros, e Bello Piñeiro comezou a decorar a súa Sala de Conversas. En tres etapas, ao longo de máis dunha década, traballou nun conxunto mural considerado a Capela Sixtina Galega, unha creación de cento cinco metros cadrados.

Teatro das Irmandades

No primeiro terzo do século XX, o teatro revelouse como un axente emancipador capaz de   suscitar emocións e reflexións  profundas no seu público. O Teatro Jofre, no barrio da Madalena (Ferrol), foi durante anos o epicentro do teatro galego. Este edificio modernista foi remodelado en 1919, cando o arquitecto Rodolfo Ucha interveu na súa fachada. Nese espazo estreáronse as obras máis importantes das Irmandades da Fala. 

Os autores Euxenio Charlón e Sánchez Hermida utilizaron a comedia como vía de protesta para denunciar o abandono da lingua e o abuso continuo das autoridades contra os labregos. A súa obra Mal de moitos é a peza máis representativa do teatro destes dous operarios. 

Por outra parte, cómpre destacar o labor de Quintanilla, o autor máis orixinal do teatro irmandiño. En 1920 estreouse a súa obra Donosiña, unha peza que xerou moita polémica por tratar un tema tabú nese época: o adulterio feminino.

Actividade editorial

A Irmandade da Fala fundou Céltiga, o primeiro proxecto editorial en galego co obxectivo de potenciar a produción de obras literarias e ensaísticas en galego, así como aumentar a súa proxección.

Nesta colección editáronse trece títulos que se publicaron baixo múltiples autorías, entre elas algunha ferrolá, como García Pereira ou Cabo Pastor, e outras de relevancia no ámbito galego, como Castelao ou Francisca Herrera. 

Céltiga comezou a súa actividade con Saudade, unha obra de narrativa experimental asinada por Xaime Quintanilla que ao mesmo tempo asumía a dirección da editora.

Tamén destacou a publicación de Doutrina nacionalista, obra de Ramón Vilar Ponte, xerente de Céltiga. Nese ensaio sintetizaba o pensamento das Irmandades con mestría.

Voces discordantes

O labor que desempeñaron as Irmandades da Fala en Ferrol alcanzou un apoio maioritario, aínda que non unánime. Algúns axentes opuxéronse ao traballo dos galeguistas. O director de El Correo Gallego, xornal que publicou en Ferrol desde a súa fundación en 1878 até 1938, emitiu numerosas valoracións contrarias ao traballo das irmandades.

En 1921 Ramón Vilar Ponte foi nomeado director de El Correo Gallego e Quintanilla conseguiu acceder ao posto de redactor xefe. A liña editorial galeguista non foi ben acollida polos propietarios, que cesaron os dous nun prazo de seis meses.

Comentarios