O Museo de Pontevedra mostra a obra de Carmen Domínguez

O Museo abre a exposición ‘Carmen Domínguez. Cor, sempre cor’, que xunta obras realizadas pola artista pontevedresa desde 198o ata principios da década pasada.
'O Mercado', de Carmen Domínguez.
photo_camera 'O Mercado', de Carmen Domínguez.

O Museo de Pontevedra vén de inaugurar a exposición Carmen Domínguez. Cor, sempre cor. A mostra, que se poderá visitar até o próximo 3 de xullo, xunta unha escolma de máis de dúas ducias de obras pictóricas realizadas pola artista pontevedresa ao longo de catro décadas: desde 1980 até a primeira metade da década pasada. 

O director do Museo, José Manuel Rei, foi o encargado de abrir a exposición, acompañado polo comisario, Kike Ortega, e o crítico cultural Ramón Rozas. José Manuel Rei sinalou que “hoxe festexamos a vitalidade dunha artista pontevedresa, ben querida nesta cidade, que trasladou á súa obra o amor á arte e á vida que caracterizou a súa existencia. Infelizmente hai xa dous anos que Carmen Domínguez nos deixou, pero permanece o seu legado: a lembranza das persoas que a coñeceron e unha obra pictórica sólida, rica en matices e enormemente suxestiva”. 

“Nos seus cadros a cor é protagonista, sexa con gamas cálidas ou frías. A investigación con formas e texturas, a introdución de diferentes materiais, as referencias ao terreal e ao sensual, a combinación do abstracto con elementos recoñecíbeis e simbólicos... Esta exposición ofrécenos a posibilidade de indagar nos ricos matices da creatividade de Carmen Domínguez”, explicou onte José Manuel Rei.

De figurativa a abstracta

Carmen Domínguez naceu en Pontevedra en 1951 e morreu en Madrid en abril de 2021, aos 70 anos de idade. Toda a súa vida se caracteriza por un permanente proceso de aprendizaxe: en París a finais dos 60, en Rusia nos 80... En 1983 abre en Pontevedra, apadriñada por Laxeiro, a súa primeira exposición individual. Como pintora pasou dunha obra figurativa inicial a unha maior abstracción a partir da década de 1990.

A autora expón con regularidade e traballa de maneira incansábel no seu taller. Alí encérrase rodeada de música clásica e faladoiros radiofónicos, participando en todo o proceso de creación: prepara as teas e fai as mesturas de cores. A súa obra evoluciona ao longo dos anos: desde o realismo máis académico, ata os grandes espazos abstractos dominados pola cor, que dominan a súa pintura a partir da década de 1990, sen renegar dos seus principios académicos.

Comentarios