O Museo de Pontevedra inaugura a mostra 'Silverio Rivas, eloxio do silencio'

A exposición percorre cinco décadas de creación do escultor galego.
Silverio Rivas na exposición sobre a súa obra no Museo de Pontevedra. (Foto: Museo de Pontevedra)
photo_camera Silverio Rivas na exposición sobre a súa obra no Museo de Pontevedra. (Foto: Museo de Pontevedra)

O Museo de Pontevedra acolle a mostra Silverio Rivas. Eloxio do silencio que se inaugurará mañá no Edificio Castelao. É a primeira exposición antolóxica da obra do escultor Silverio Rivas que percorre cinco décadas de creación dun artista de referencia. Rivas foi pioneiro na abstracción na escultura galega e conseguiu gran popularidade polo carácter monumental da súa obra presente en espazos públicos.

A exposición, comisariada pola conservadora do Museo Beatriz de San Ildefonso, poderase visitar até o 5 de febreiro. A mostra organízase en cinco espazos dentro da sala de exposicións temporais, ademais de varias obras que toman outros recunchos do edificio.

En total, expoñeranse arredor de 60 obras que abarcan todos os períodos e estilos creativos do autor. Algunhas das pezas máis representativas que conformarán a mostra son Pía, Palisandro ou Zafra, que lembra a súa implicación na difusión da escultura contemporánea na Galiza dos anos 70.

O director do Museo, José Manuel Rey, explicou que a mostra “parte do noso labor de contribuír á difusión e á investigación da arte galega", salientando que Rivas é un dos creadores vivos máis importantes do país.

A "cronoloxía inversa" da mostra

A comisaria da exposición indicou que "as obras non están situadas de forma cronolóxica, senón que quixemos seguir o espírito do seu taller, no que cada espazo ten a súa función". Así, na mostra "o espazo está ordenado por materiais, formas e volumes", como granito, o bronce, a madeira, a cerámica ou o aceiro.

O artista engade que se fixo unha "cronoloxía á inversa: primeiro aparecen as pezas recentes e remátase coas primeiras". "No medio hai pezas que non se corresponden no tempo pero dialogan entre elas", conclúe, ao que a comisaria engade "o silencio é fundamental, e iso busca reflectir esta exposición".

Comentarios