mércores 08/12/21

Falece a escultora Elena Colmeiro

A súa extensa traxectoria, após seis décadas dedicada á creación, desvela un traballo intenso, innovador e singular.
Elena Colmeiro. (Foto: Real Academia de Belas Artes)
Elena Colmeiro. (Foto: Xurxo Lobato / Real Academia de Belas Artes)

Elena Colmeiro, nada en Silleda en 1932, vén de falecer. A escultora iniciárase na arte en Bos Aires, onde emigrara coa súa familia, filla do pintor Manuel Colmeiro, quen se exiliara por cuestións políticas.

Alí comeza a súa formación artística na Escola Nacional de Cerámica e obterá os primeiros recoñecementos á súa obra e as primeiras oportunidades expositivas. Destacou xa no emprego da cerámica como soporte, a través da cal xeraría a súa plástica.

Regresa a Galicia a mediados da década dos 50 e, posteriormente, afíncase en Madrid, desde onde continúa a manter unha relación constante co contexto galego, como demostran as súas distintas estadías na Fábrica de Cerámica de Sargadelos, nas que realizou o encargo de Autoestradas do Atlántico (1989), unha das súas obras instaladas no espazo público realizadas en Galicia

Colmeiro realizou estadías en diferentes países, como os Estados Unidos, a China ou Holanda, onde aprendeu diferentes técnicas e estilos e experimentou con distintos materiais.

En outubro de 2019 fora nomeada Académica de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes, e o seu ingreso estaba pendente da mellora da situación da pandemia.

A súa extensa traxectoria, após seis décadas dedicada á creación, desvela un traballo intenso que aposta no procesual. Colmeiro converte a escultura no seu territorio de experimentacións, achados e exercicios de resistencia, poñendo en xogo a dualidade entre o exterior e o interior, a pel e as entrañas de obxectos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Falece a escultora Elena Colmeiro
comentarios