O Entroido galego está protexido desde hoxe como Ben de Interese Cultural

As medidas xerais de salvagarda comprometen ás administracións públicas a garantir a súa viabilidade, sinaladamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.
Entroido de Vilariño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Entroido de Vilariño. (Foto: Nós Diario)

O Entroido galego conta desde esta mesma quinta feira coa protección de Ben de Interese Cultural (BIC), ao publicarse no Diario Oficial da Galiza (DOG) a resolución que inicia o procedemento para que sexa recoñecido como tal. Esta celebración está xa protexida polo seu interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial que representa, así como pola súa capacidade de xerar riqueza no ámbito local, fortalecer a convivencia e o entretemento, tal e como destaca a Xunta.

Coa publicación no DOG iníciase un procedemento que durará un máximo de 24 meses para completar este expediente, pero a protección como BIC xa está en vigor desde hoxe. A declaración realízase en sentido amplo para toda a celebración, non circunscrita só a unha serie de festexos, tendo en conta que 191 dos 313 concellos galegos (61%) escolle unha data vinculada ao Entroido como festivo local.

A resolución da Dirección Xeral consta de 16 páxinas e está acompañada de dous anexos. O primeiro explica a tradición do propio Entroido galego, a súa natureza e condición. De feito, menciona denominacións secundarias da celebración en función da zona: Antroido, Antroiro, Antroito, Antruido, Carnaval, Entroiro, Entrudio, Entrudo, Entruido e Introido. Tamén recolle o marco temporal no que se desenvolve, os días sinalados, as máscaras tradicionais e os mecos.

O segundo anexo dá a coñecer as medidas de protección que se lle dá ao Entroido como BIC. Así, a Consellaría de Cultura sinala esta celebración como un "elemento central" no patrimonio inmaterial de todos os galegos, algo imprescindíbel para comprender e definir a identidade da Galiza.

Así, as medidas xerais de salvagarda comprometen ás administracións públicas a garantir a súa viabilidade, sinaladamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

Comeza o Entroido

O Entroido xa está presente nalgúns municipios galegos. Ao esforzo por manter viva a tradición en moitas aldeas do país por parte de colectivos e asociacións, sumouse nos últimos anos o interese do mundo da antropoloxía por difundir e estudar este ciclo festivo que, na Galiza, vai alén dos días principais sinalados no calendario. As primeiras comarcas en celebralo seguen a ser as de Viana, Verín e A Limia.

Comentarios