O Entroido na Galiza comeza con folións e fariña: todo o que precisas saber para non perder as festas

O Entroido xa está presente nalgúns municipios galegos. Ao esforzo por manter viva a tradición en moitas aldeas do país por parte de colectivos e asociacións, sumouse nos últimos anos o interese do mundo da antropoloxía por difundir e estudar este ciclo festivo que, na Galiza, vai alén dos días principais sinalados no calendario. As primeiras comarcas en celebralo seguen a ser as de Viana, Verín e A Limia.
Xenerala en Oza (Teo), os fachós en Laza, o domingo Fareleiro en Xinzo, 
o fulión de Vilariño e os volantes no Entroido Ribeirao, Chantada.
photo_camera Xenerala en Oza (Teo), os fachós en Laza, o domingo Fareleiro en Xinzo, o fulión de Vilariño e os volantes no Entroido Ribeirao, Chantada. [Fotos: Nós Diario]

O Entroido galego xa está aquí. Malia que na maior parte da Galiza a celebración ten como días máis importantes os tres previos á Coresma (domingo, segunda e terza feira de Entroido), que estes días coinciden co 11, 12 e 13 de febreiro, a recuperación dun calendario máis extenso ten cada vez maior visibilidade na xeografía do país. 
O festexo popular sempre foi por diante e este ano non podía ser menos. Desta maneira, os primeiros folións comezaron o ano en Vilariño de Conso (comarca de Viana), Laza (comarca de Verín) e O Bolo (A Limia). Nesta primeira localidade saíron os boteiros co "fulión" o 12 de xaneiro e teñen datas pendentes estes días. O presidente da asociación Xuntos polo Fulión, Marcos Macía, sinala a Nós Diario que comezaron a reunirse “ao día seguinte de rematar o Nadal”.

Ademais de Vilariño, estiveron o 13 de xaneiro en Buxán (O Bolo) e o 20 en Carracedo (A Gudiña, comarca de Viana). Rematarán o mes con folións os días 26, 27 e 28 de xaneiro “cunha visita moi especial o domingo dos nosos amigos do folión Os Labregos de Poboa de Trives”, indica Macía. A entidade que dirixe conta con participantes de todas as parroquias vilariñesas e está formada por algo máis de 180 persoas. Cando fan os percorridos ou realizan as visitas levan “un ou dous boteiros que inician o folión” para, tras deles, colocarse “os bombos e as gadañas”. Porén, recoñece que chegan a ser “dez ou doce boteiros nalgunhas ocasións” e, a maiores, contan “cun relevo xeracional certo pola incorporación de xente nova”.

O ciclo máis longo está en Xinzo de Limia

Xinzo da Limia (A Limia), segue a contar co ciclo máis longo dos entroidos europeos. Ten cinco domingos marcados no seu calendario, que comezaron o pasado 21 de xaneiro co Fareleiro, ao que seguirán o domingo Oleiro (28 de xaneiro), domingo Corredoiro (4 de febreiro), domingo de Entroido (11 de febreiro) e domingo de Piñata (18 de febreiro).

Ademais, a vila das pantallas celebra a segunda e terza feira de Entroido (12 e 13 de febreiro). Para esta fin de semana está previsto o colgamento do Meco (sábado 27 de xaneiro) e o domingo Oleiro con varias quendas entre a praza Maior e as rúas do casco vello da capital limiá. O concelleiro de festexos de Xinzo de Limia, Ricardo Sieiro, lembra a Nós Diario que “a diferenza doutros entroidos galegos, nós sempre conseguimos manter todo o ciclo”.  

Laza, os Xenerais da Ulla e o Entroido Ribeirao

O municipio de Laza é dos máis madrugadores e xa iniciou os folións, percorridos realizados co acompañamento de chocos, fachós e algún bombo. Un dos membros da comisión deste Entroido, Xacobo García, indica a Nós Diario que xa polo San Amaro (12 de xaneiro) a parroquia de Arcucelos tivo folión e tamén houbo en Matamá o pasado sábado. O seguinte será na vila o 26 de xaneiro.

"O máis representativo son os chocos, un elemento que despois vestirán co traxe de peliqueiro", asegura García, "agora tamén hai bombos mais en tempos empregábase calquera cousa que fixera estrondo, como as ferramentas de traballo", engade. O Entroido Ribeirao tamén terá o seu inicio este mes e será o 27 de xaneiro en Santiago de Arriba, en Chantada. Nese lugar decorrerá o Domingo Lambedoiro coa saída, entre outras máscaras, dos volantes.

Outro Entroido temperán é o dos Xenerais da Ulla que decorre nos municipios de Teo, Boqueixón, Vedra e Compostela (na comarca homónima), Silleda e Vila de Cruces (O Deza), Touro (comarca de Arzúa) e A Estrada (Terra de Montes). Este ano comezou en Teo, na parroquia de Oza o sábado pasado, e seguirá nas de Lucí (este sábado) e Rarís (este domingo).  

Novos estudos

Xaneiro tamén está a ser prolífico en ensaios sobre as figuras do Entroido galego. A pasada sexta feira presentouse no Camões-Centro Cultural Portugués de Vigo, o libro O merdeiro. Personaxe da ribeira (Asociación Etnográfica A Merdeira, 2024), da historiadora da arte Adriana Del Río Miranda e do investigador Hadrián Román Carreiro. O volume recolle os froitos de varios anos de investigación e traballo. Analiza a orixe, como era e como se comportaba na cidade olívica esta tradicional figura do Entroido vigués ao tempo que reflexiona sobre a evolución da personaxe até o momento da súa desaparición e da súa posterior recuperación grazas ao tecido asociativo da cidade. Adriana del Río sinala a Nós Diario que o libro "era necesario despois do achegamento que nos fixo en 2006 Xerardo F. Santomé".

O estudo que se presenta agora "complementa aquel non só con anécdotas, senón como introdución de novas e novos informantes que lembraban o Merdeiro" ademais de comprobar que a figura non estaba tan perdida. Polo de agora non teñen especificado as datas de saída deste personaxe e introdúceno nas centrais do Entroido. Iso si, constataron que é unha máscara "da costa, onde había mar había un merdeiro ou algo semellante", asegura Del Río, "non deixa de ser a representación da loita entre o mundo do mar e o mundo do agro", engade.

Tamén na semana pasada decorreu a presentación de O animalario do Entroido galego. Mito e tradición (Ab Origine, 2024) do antropólogo Carlos Xabier Ares Pérez. En conversa con Nós Diario indica que este traballo partiu da súa experiencia no tema e na apreciación de que "en moitas manifestacións do Entroido sempre estaba presente a figura dun animal". Concluíu por facer "un catálogo dos mesmos e ver o seu significado, como no oso que anuncia que está a rematar o inverno ou os galos que son un símbolo da fertilidade que aparece nos rituais deste ciclo festivo". Na súa investigación, agora en formato libro, figuran un total de 17 animais "cada un co seu motivo para existir".


O 1 de xaneiro como inicio ou Santa Lucía

Fálase moito do inicio do Entroido. Carlos X. Pérez considera que "comeza o 1 de xaneiro, cando aparecen as primeiras máscaras nos ritos de Reis e mesmo co lume na festa dos fachos". Porén, non desbota a idea que indica un encomezo anterior, relacionado co cambio de calendario "do Xuliano ao Gregoriano", que coincidiría coa Santa Lucía, o 13 de decembro. "Antes cadraba coa noite do 24 de decembro que o cristianismo transformou no neno que nace", explica, "polo que creo que o ciclo de invernía do Entroido podería coincidir co día desa santa", engade.

Comentarios