teatro

Entrebambalinas estrea en Ourense a obra teatral 'Que viva o duque!'

A peza é unha versión libre de Fernando Dacosta (membro da compañía Sarabela e director das aulas de teatro deste campus) dunha obra de J.L Alonso Santos.
O grupo teatral do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, Entrebambalinas.
photo_camera O grupo teatral do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, Entrebambalinas.

Esta quinta feira, 18 de xaneiro, o grupo teatral do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, chamado Entrebambalinas, estreará no Teatro Principal da cidade a súa nova produción, a obra Que viva o duque!.

A peza é unha versión libre de Fernando Dacosta (membro da compañía Sarabela e director das aulas de teatro deste campus) da obra de J.L Alonso Santos ¡Viva el Duque, nuestro dueño!, na que un grupo de cómicos ensaia unha peza de teatro que terán que representar ante o Duque de Simancas.

O elenco actoral que participa na obra está formado por Inés Miguélez, Chus Constenla, Xan Losada, Mariem Pena, Moncho Méndez, Emilia Martín, Puri Castiñeiras, Candi Rodríguez, Alfonso Moreiras e Pepa Blanco, alumnas e alumnos do Programa Universitario de Maiores (PUM).  A dirección da montaxe corre a cargo de Sabela Gago, tamén profesora das aulas teatrais do campus e tamén membro de Sarabela Teatro, con axudantía de dirección de Elisa Maneiro.

Entrebambalinas

O grupo naceu no ano 2017 coa intención de darlle continuidade a aqueles alumnos e alumnas que despois de cursar a materia de Expresión Corporal nos cursos do PUM de Ourense querían continuar coa actividade", explica Gago. En Entrebambalinas, subliña, "pretendemos divertirnos, aprendendo a comunicarnos mellor e sendo partícipes dunha montaxe teatral". 

Así, destaca Sabela Gago, a iniciativa permite ás persoas participantes "completar o seu tempo de ocio, desenvolverse creativamente e traballar o corpo e a voz". Como broche a o traballo realizado, o grupo agarda con moita ilusión e gañas a estrea desta quinta feira. A entrada é de balde até esgotamento de prazas.  

Comentarios