Sarabela leva Sechu Sende ao teatro

Sarabela Teatro estrea unha peza baseada no libro de Sechu Sende 'Made in Galiza', e Fátima Delgado estrea a súa 'Run Baby Run'.
Imaxe promocional de 'Run Baby Run'. (Foto: Esmeralda Martín)
photo_camera Imaxe promocional de 'Run Baby Run'. (Foto: Esmeralda Martín)

O Teatro Principal de Ourense acollerá a estrea, os vindeiros días 21, 22 e 23 de setembro, da última montaxe da compañía Sarabela Teatro, Made in Galiza, baseada na célebre obra de Sechu Sende. 

A peza está dirixida por Fina Calleja, conta coa dramaturxia de Fernando Dacosta e estará interpretada polo propio Dacosta, Elena Seijo, Sabela Gago e Josito Porto. 

A obra de Sende abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove ao público. 

En Made in Galiza podemos atopar un mosaico de lugares tan diversos como unha oficina de palabras perdidas, unha empresa que fabrica palabras, un manual de instrucións, unha palabra común. Tamén grupos de personaxes moi diferentes: un ladrón de palabras, mozos namorados, homes e mulleres desorientados, unha vendedora de palabras. 

A peza transita por momentos recoñecíbeis no día a día e combina temas de sociolingüística con maneiras de vivir e de pensar amábeis e xenerosas ás que chegar mediante o lúdico e o divertido. 

 

Fátima Delgado estrea 'Run Baby Run' 

Por outro lado, o equipo de Run Baby Run xa está a ensaiar nas Naves do Español en Matadero Madrid, ultimando os detalles desta obra sobre a discriminación de xénero dentro do deporte que terá a súa estrea absoluta o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela.

Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco que contará cunha xira pola xeografía estatal e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024. O elenco confórmano Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez. 

A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. 

Para a dramaturga Fátima Delgado, Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”. 

 

Comentarios