A 28ª Miteu leva a Ourense 20 espectáculos de teatro universitario

Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. 
Fernando Dacosta.
photo_camera Fernando Dacosta. (Foto: AAAG)

Do 20 de abril ao 6 de maio, a cidade de Ourense volverá acoller unha nova edición, a 28ª, da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu).

Baixo o lema A mostra dunha cidade. O teatro dunha universidade, a cita contará con 20 espectáculos, principalmente de teatro universitario e profesional pero tamén de música, circo e danza ofrecidos por compañías estatais e foráneas. Entre elas, as aulas escénicas da Universidade de Vigo terán un papel destacado. 

A cita foi presentada este venres no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que apoian a Miteu. Fernando Dacosta, director da Mostra, explicou que esta edición da Miteu contará coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e, sobre todo, de Galiza e doutros diferentes puntos da xeografía estatal (Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León).

 

Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. A idea da Miteu, apuntou o seu director, é que "fronte á crispación: cultura, entender o diferente, entender a aquela persoa que é diferente para non ter medo, un medo que ao mellor nos leve a atacar".

Así, indicou, as obras desta edición proporán reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Nun mundo que cada vez nos tira máis cara a distopía, apuntou Dacosta, a Miteu continúa apostando pola utopía, "que é o que nos fai avanzar".

A maior parte das representacións terán lugar ás 20 horas no Teatro Principal de Ourense, aínda que a programación tamén se achegará ás rúas do centro da cidade, ao Café Cultural Auriense, ao Colexio Maristas e ao Liceo. 

Comentarios