Manuel Vieites e Madó Santos recibirán o Premio da Academia de Teatro 2024

A Academia pretende conxugar a acción e o pensamento teatral.
ManuelVieites. (Foto: Aisge)
photo_camera ManuelVieites. (Foto: Aisge)

A Academia Galega de Teatro (AGT) vén de facer público un comunicado no que anuncia que decidiu "conxugar a acción co pensamento" á hora de elixir as persoas homenaxeadas co Premio da Academia de Teatro 2024. Por este motivo son dúas as persoas ás que quere render homenaxe: Madó Santos e Manuel Vieites.

Madó Santos, desde o Concello de Muros, "leva practicamente toda a súa carreira como programadora apostando decididamente polo teatro galego, até o punto de converter o Concello de Muros no que máis inviste en teatro galego por habitante e ano", explican.

"Santos sempre demostrou un esmerado coidado co seu público e coas compañías que por Muros pasaron", declaran desde a AGT. "A acción de Madó Santos desde o Concello de Muros é un exemplo que ben merece o Premio da Academia Galega de Teatro xunto co agradecemento de ser parte activa na creación dun tecido teatral no país con vontade de futuro". 

Manuel Vieites

Xunto con Madó a Academia decidiu tamén premiar a Manuel Vieites, figura fundamental para entendermos a historia do teatro galego. "En Manuel Vieites atopamos o pensamento unido á acción. Como estudoso do teatro galego, como promotor e director da ESAD, como editor… Vieites é, sen dúbida, un home que aplicou o seu entusiasmo e rigor ao servizo do teatro do noso país e que cómpre un máis que merecido recoñecemento en forma de Premio da Academia Galega de Teatro 2024", manifestan. 

"Sen estas dúas figuras e todo o que representan resultaría ben difícil explicar a historia do noso teatro e os camiños de futuro que cómpre percorrer. É por iso que desde a Academia concedemos estes premios con agradecemento e orgullo colectivo", rematan.   

Comentarios