Día das Letras

Emotiva homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán en Córgomo, a súa aldea natal

O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que a RAG lle dedicou a Florencio Delgado Gurriarán tivo lugar no seu Córgomo natal e contou coa presenza das súas fillas e un neto chegados desde América, e cunha abondosa representación da veciñanza de Valdeorras, que fixo súa a celebración.
As fillas de Florencio entrando na carpa onde se desenvolveu o pleno. Detrás, Ricardo Gurriarán. (Foto: RAG)
photo_camera As fillas de Florencio entrando na carpa onde se desenvolveu o pleno. Detrás, Ricardo Gurriarán. (Foto: RAG)

Na Aira dos Bolos de Córgomo, onde se xuntaba en tempos a xente para xogar aos birlos, a Real Academia Galega reuniuse onte para celebrar o pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Ao comezo do acto, o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, referiuse á cerimonia -despois de que tocase a Real Banda de Gaitas de Ourense- como “esta festa que nos tiñan preparada os veciños de Valdeorras e de Córgomo”.

E algo de festa hai nunha celebración que neste ano destacou -desde a elección da figura que protagonizaría o Día das Letras- pola participación e solidariedade de toda a comarca de Valdeorras. Córgomo, dixo Freixanes, é hoxe “a capital universal da lingua galega, esa Galiza infinda da que falaba o noso homenaxeado”. 

Freixanes asegurou que "o que empezou sendo un acto académico, en 1963, é tamén una explosión social de participación, como demostra a xente que hoxe nos acompaña aquí", e tivo palabras de agradecemento ás institucións e a sociedade valdeorresas e moi especialmente, ás persoas responsábeis do proxecto As Letras de Florencio, que desenvolveron “un papel especialmente activo como animadores e difusores da memoria de Delgado Gurriarán”.

Tamén agradeceu especialmente a presenza das fillas de Delgado Gurriarán, e do seu neto Roberto, chegados desde México e os Estados Unidos para a ocasión e enviou un saúdo afectuoso á súa viúva, Celia Teijeiro. Finalmente, tivo unhas palabras de emotivo recoñecemento a Ricardo Gurriarán, biógrafo do homenaxeado.

O compromiso político 

O académico mesturouse co popular nun pleno que comezou cuns apuntes biográficos a cargo de Ramón Villares, que fixo fincapé na acción política de Delgado Gurriarán en tempos de paz, durante a guerra e no exilio mexicano. Un “exemplo de coherencia e compromiso” do que destacou o labor realizado para salvar numerosos paisanos organizando a súa evacuación cara ao exilio.  

Villares, ademais, percorreu o labor político e cultural levado a cabo desde México -desde as revistas Saudade e Vieiros até a acollida que lle prepararon a Castelao cando o rianxeiro, á fronte dos catro deputados do Consello de Galiza, viaxou a ese país para participar na sesión das Cortes republicanas no verán de 1945- xunto co do grupo galeguista que o rodeaba,  un labor "superior ao que se podería esperar do seu reducido número de integrantes”.

Evocación da paisaxe 

Rosario Álvarez tamén quixo apuntar a natureza popular da celebración dirixíndose aos veciños e veciñas de Valdeorras "que mantedes acesa a memoria do homenaxeado", e centrou a súa intervención na linguaxe. Unha linguaxe inzada de cachois, cavorcos, pincheiras, cepeiras, viñaredos, caldeiras, poulas ou muradellas

Unha linguaxe que a académica foi debullando para concluír que "a lingua de Florencio está moi enraizada na variedade das comarcas orientais, con Valdeorras por centro, posto que foi a que oíu falar desde que naceu, a que levaron consigo os seus pais cando saíron da Galiza e á que volveu arreo", mais que "aposta por un modelo idiomático que debe ser supradialectal, translocal, nacional; que debe procurar a enxebreza sen por iso afastarse artificiosamente do uso común; un galego desacomplexado que non se automutile por un trabucado impulso diferencialista; un galego que debe beber da lingua do pobo, mais sen alentar por iso ningunha sorte de minifundismo lingüístico; un galego que debe aspirar á universalidade sen perder a súa esencia”, resumiu.

O primeiro poema contra a invasión do eucalipto 

O profesor Alonso Montero fechou a quenda de alocucións sobre Delgado Gurriarán cunha análise dos seus inicios como poeta, entre o ano 1931, na primeira etapa pública da súa carreira literaria, e 1934, cando sae do prelo o seu primeiro libro, Bebedeira

Nese período, sinalou o académico, publica na prensa poemas de condición moi distinta: uns versos matrióticos ou das cousas -os que “cantan e contan as cousas das terras de Valdeorras”-  e outros patrióticos ou das causas -poemas sociolingüísticos, que terían continuidade noutros momentos da súa traxectoria, que denuncian o desleixamento idiomático de certos sectores. 

Alonso Montero destacou o poema “Tristura do souto mudo”, un canto aos castiñeiros e á paisaxe valdeorresa no que tamén hai unha mensaxe de denuncia: o efecto da introdución do eucalipto, que invade o vello souto e provoca a fuxida dos reiseñores e doutras aves. “Non sei de ningún poeta que denunciase, antes de 1934, en Valdeorras ou noutra comarca da Galiza, a asoballante invasión desta voraz especie australiana", dixo. "Non sería moi disparatado pensar que os reiseñores foron, nese ano, os únicos críticos coa nova situación forestal de Valdeorras", rematou o académico entre os aplausos do público.

Rueda e a RAG atópanse de novo

O calendario quixo que o primeiro acto oficial de Afonso Rueda como Presidente da Xunta de Galiza fose precisamente este pleno extraordinario da Real Academia Galega dedicado ao Día das Letras Galegas. Paradoxalmente, foi Rueda o encargado de defender o chamado “decreto do plurilingüísmo”, que significou o primeiro retroceso na protección legal do galego desde a aprobación do Estatuto de Autonomía.

Naquela defensa, o actual Presidente -que xa encabezara a manifestación contra a política lingüística do Goberno do bipartito do PSdeG e BNG- non dubidou en manifestar as súas suspicacias ante a postura da RAG, que se mostrou moi crítica coa redacción do decreto. Dez anos despois, os camiños da Academia e do Presidente xúntanse de novo. 

comentarios