A Academia leva o pleno do Día das Letras Galegas ao Valdeorras de Gurriarán

A RAG convoca a reunión na Aira dos Bolos da aldea do homenaxeado, Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras. No acto, aberto á veciñanza, falarán académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.
Escultura de Gurriarán, obra de Anxo Baranga, en Córgomo (Foto: Anxo Baranga).
photo_camera Escultura de Gurriarán, obra de Anxo Baranga, en Córgomo (Foto: Anxo Baranga).

Córgomo, a aldea de pouco máis de 200 habitantes do concello de Vilamartín de Valdeorras onde naceu Florencio Delgado Gurriarán, será escenario do pleno extraordinario do 17 de maio da Real Academia Galega (RAG).

A sesión terá lugar na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor homenaxeado coas Letras Galegas 2022, e consistirá en tres alocucións sobre o poeta a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Fechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Todas as  intervencións poderán seguirse en directo desde a web de academia.gal. 

O simbolismo dos birlos

A celebración será unha festa aberta a toda a veciñanza nun espazo onde se adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que Delgado Gurriarán inmortalizou nas páxinas de Galicia infinda (1963), nos versos "Os bolos ralban louxados, / a bola ralba penedos... / É que xogan, mau a mau, / o Severino i o Ferros", pertencentes ao poema titulado Córgomo de Valdeorras, que dedicou, xa desde o exilio en México, á súa veciñanza.

A Aira dos Bolos ten ademais como pano de fondo a actual Casa do Pobo, no seu día a tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel. 

Homenaxe ao exilio galego en México

No pleno, o historiador Ramón Villares trazará un percorrido pola biografía de Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural desenvolvido polo galeguismo que fuxiu a México, tendendo sempre pontes co exilio interior.

Na súa persoa, a RAG réndelle así homenaxe por primeira vez na gran festa das Letras Galegas á diáspora mexicana, da que formaron parte tamén o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto. 

Co homenaxeado este ano, a institución tamén visibiliza a fala de Valdeorras. Esta é o punto de partida do galego do autor, no que se deterá a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, que afondará na contribución do autor valdeorrés á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno.

Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Comentarios