Despois de varios anos de desencontros co Xunta de Galiza, a Asociación Galega de Editores (AGE) decidiu, en 2022, asumir a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro, prescindindo da mediación do Goberno galego. Esta quinta feira, 25 de xaneiro, AGE confirmaba nun comunicado que a falta de entendemento co Executivo galego segue no mesmo punto e que, un ano máis, afronta a súa presenza nas principais feiras internacionais do libro de carácter profesional sen o apoio da Xunta.
As discrepancias do sector do libro coa Xunta veñen de lonxe e teñen como principal punto de fricción a consideración das feiras como un espazo promocional por parte da Xunta, fronte ao carácter estritamente profesional que defende a AGE e que prevalece no resto dos territorios do Estado e nos principais países da nosa contorna.
En 2018, as diferenzas chegaron ao seu punto álxido, cando a Xunta renunciou a acudir as feiras de Frankfurt, Boloña, Guadalaxara e Barcelona. A decisión provocou unha vaga de protestas entre o sector e mesmo a presentación no Parlamento Galego de varias iniciativas da deputada do BNG, Olalla Rodil, polo que se consideraba un incumprimento da Lei do libro e a lectura, que fixa "a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais". "Galiza sería a única comunidade autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo", declaraba a Asociación Galega de Editoras.
Ante a acusación de carecer dun modelo de política cultural de varias personalidades do mundo da cultura, a Xunta reconsiderou a súa decisión e, finalmente, aceptou estar presente nas feiras. Porén, as diferenzas continuaron e, en 2022, a AGE tomou a decisión de asumir en solitario a presenza nas feiras internacionais "despois de moitos anos reclamando á Xunta de Galiza un cambio no modelo de xestión na participación por parte do sector editorial galego nas feiras internacionais do libro, e ante a negativa reiterada da Consellería de Cultura, que non permite que sexa a Asociación quen xestione a súa propia presenza", despois de emitir un comunicado que subliñaba que "o sector do libro, tal e como se recolle na Lei do Libro aprobada en 2006 por unanimidade, é estratéxico para o país e non se pode renunciar á súa promoción internacional".
AGE, neste sentido, insiste en que son os gremios de editores de todo o mundo os que xestionan os seus stands nestas feiras: "O caso galego é insólito no sector, pois son os gremios de editores do Estado, e tamén a nivel internacional, quen xestionan os seus stands nestas feiras de marcado carácter profesional".
De Boloña a Guadalaxara
A principios de abril, nove editoras acudirán á Feira Internacional de LIX de Boloña (Italia), a máis importante do mundo en materia de literatura infantil, xuvenil e libro ilustrado. O espazo da AGE reservará un lugar destacado para os libros da autora galega Fina Casalderrey, seleccionada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) como candidata ao Premio Astrid Lindgren.
A presenza internacional dos editores galegos continuará en Liber, a feira internacional da industria do libro que reúne negocio, contactos profesionais e coñecemento práctico en Barcelona, do 1 ao 3 de outubro, e na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 16 ao 20 do mesmo mes.
O periplo culminará en Guadalaxara (México), do 30 de novembro ao 8 de decembro. A AGE prepará un programa de actividades profesionais que incluirá a proxección dunha peza audiovisual actualizada coas autoras distinguidas nos Premios Nacionais do Ministerio de Cultura -Yolanda Castaño e Paula Carballeira- e impulsará a organización dun acto da rede Galeusca de editoras, coa presenza dos gremios galego, vasco, catalán e valenciano.