O sector do libro acusa a Xunta de falta de diálogo

As principais asociacións do sector do libro abandonan o Consello Asesor do Libro por considerar que a Xunta non escoita as súas propostas.
Anxo Lorenzo preside unha xuntanza do Consello en 2019.
photo_camera Anxo Lorenzo preside unha xuntanza do Consello en 2019.

As cinco principais asociacións do sector do libro galego (Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Federación de Librarías de Galicia e Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) emitiron esta terza feira un comunicado para anunciar que non asistirán ao Consello Asesor do Libro convocado pola Consellaría de Cultura e Educación para o vindeiro 15 de xullo

As asociacións consideran "que o desenvolvemento das xuntanzas deste Consello Asesor non está a ser útil para o noso sector, pois nelas non se vehiculan solucións ou saídas aos principais problemas que afectan ao mundo do libro galego", segundo di o comunicado. 

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores, comenta en declaracións a Nós Diario que o malestar no sector vén de antigo. "As reunións son inertes desde o punto de vista do debate. A Xunta limítase a transmitir as súas decisións buscando asentimento e as actas non reflicten as propostas que as asociacións someten a discusión. Consideramos que o Consello é un organismo imprescindíbel, mais ten que ser máis dinámico, máis dialogante, para que teña utilidade. O que pedimos é outra actitude na escoita dos que somos protagonistas da edición". 

Diálogo real

Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, coincide en que o principal problema é a falta de diálogo. "Un consello asesor debe discutir diferentes propostas, estabelecer un diálogo real, e iso non se dá nestas reunións", declara a Nós Diario.

"A Administración, sinxelamente, non nos escoita, limítase a anunciar as súas decisións. Non lle estamos pedindo á Consellaría que acepte todas as nosas suxestións, mais si que polo menos as teña en conta á hora de tomar medidas, que inicie un debate que resulte produtivo para o sector.  Por iso consideramos que  se o que nós propomos non vai ter ningunha consecuencia, a nosa presenza non ten sentido". 

Por outra parte, todas as asociacións coinciden en que "o Consello Asesor, cuxa creación foi unha demanda histórica do sector e e que emana Lei do Libro de 2006, é un organismo imprescindíbel onde abordar as principais liñas de traballo e de futuro para o libro galego". 

Comentarios