"Un escritor galego pechou este ano coa súa intervención, xunto co esloveno Drago Jančar, a feira do libro de Frankfurt, a máis importante do mundo editorial. Non asistiu ninguén da Xunta (stand si que tiña)". É o texto dun tweet do escritor Manuel Rivas, no que denunciaba a falta de apoio da Xunta de Galiza nun evento que, sen dúbida, é da maior transcendencia para a proxección de calquera literatura. Logo, o propio Rivas sentenciaba: "Seguiremos proxectando a literatura galega mundo adiante, con institucións ou sen elas".
Se cadra, ese é o balance que se podería facer da presenza galega en Frankfurt: talento, proxección e falta de amparo das administracións. A literatura galega ten que seguir amañándose soa, sen a protección de quen ten a obriga estaturia de defendela. Ou iso é o que se deduce do comunicado difundido polos editores tras asistir á feira.
Músculo creativo
"Podería ser un bo resumo da feira: demostramos músculo creativo e industrial, pero en soidade, sentímonos completamente abandonados", declara Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) a Nós Diario.
O gremio editorial galego estivo representado en Frankfurt por trece editoriais e por unha serie de actividades que trataban, en palabras de Alvarellos, "de mostrar a diversidade do pequeno, mais tamén a súa calidade: temos vinte e cinco premios nacionais en activo, máis do dobre que Catalunya, galardoados en todas as categorías, e nun Estado no que se editan entre setenta e oitenta mil títulos ao ano. Ese poder creativo é o que queremos exportar".
A AGE editou un catálogo especialmente deseñado para a feira cunha ampla selección das 13 editoriais presentes, organizou unha conversa do seu presidente con Xesús Fraga -autor de Misterios e virtudes, gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021, participou nunha mesa redonda con representantes de editores de Catalunya, Euskadi e País Valencià, editou e proxectou un vídeo promocional... "e en todas as actividades tivemos unha recepción moi positiva, cun nivel de ocupación importante e unha atención que nos sorprendeu", explica o presidente da AGE. "E as editoriais máis dirixidas a comprar e vender dereitos tiveron unha axenda completísima. O noso balance non pode ser máis que positivo".
Tutela da Xunta
Se cadra, por iso se entende aínda menos que a Xunta de Galiza decida montar un stand paralelo ao dos editores, sen actividade, e atendido por persoal alleo ao sector, co conseguinte gasto de fondos públicos que iso supón.
"Até onde coñecemos, é un caso único no mundo", di Alvarellos. "En todos lados é o gremio de editores o que xestiona a presenza nas feiras internacionais, mais a Xunta insiste en tutelar mais que en colaborar. E unha feira profesional non é un escaparate promocional. Sempre mostramos a nosa disposición ao diálogo, pero sen resposta".
Precisamente foron estas discrepancias as que levaron á AGE a asumir en solitario a presenza nas feiras internacionais, despois de emitir un comunicado onde se insistía en que "o sector do libro, tal e como se recolle na Lei do Libro aprobada en 2006 por unanimidade, é estratéxico para o país e non se pode renunciar á súa promoción internacional".
"Seguimos abertos ao diálogo, mais a Xunta xa non quere sequera nin sentar a falar. Non atopamos interlocutor", sentenza Alvarellos.
O prezo do papel ameaza á industria editorial
Un tema preocupa especialmente aos profesionais do libro de todo o mundo: a descontrolada suba dos prezos do papel. "Na Galiza, ser un país pequeno ten a vantaxe de que podemos ir axustando a edición á demanda" explica Alvarellos, "e o resultado principal é que as tiraxes están diminuíndo. Non sabemos cando nin como remitirá este problema que - en contra do que se di en ocasións, comezou antes da guerra en Ucraína- e que pode ter consecuencias imprevisíbeis".