As editoras acusan a Xunta de descoñecer a realidade do sector

Malia que a Lei do Libro e a Lectura considera o sector editorial como estratéxico, a relación entre a Xunta de Galiza e o mundo da edición non cesa de estar puntuado por desencontros que entorpecen o desenvolvemento normal do libro galego. A recente publicación das bases para a concesión das axudas á edición, provocou a última das discrepancias.
Os criterios de adxudicación das axudas non se axustan á realidade do sector editorial galego.
photo_camera Os criterios de adxudicación das axudas non se axustan á realidade do sector editorial galego.

A Lei do Libro e a Lectura, aprobada no ano 2006, recoñécelle ao sector editorial a categoría de "estratéxico para a Galiza". Porén, as actuacións da Xunta de Galiza non acaban de cadrar con esa tipificación. O sector do libro mantén reivindicacións históricas que seguen sen ser atendidas: plan de apoio á rede de librarías, implicación real da Consellería de Industria cun orzamento específico, creación do innúmeras veces demandado Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura, apoio dos medios de comunicación públicos... son algunhas das reivindicacións que non obteñen unha resposta concluínte. 

Mais tampouco no día a día a acción do goberno parece estar á altura das necesidades das editoriais galegas. O pasado 18 de xaneiro publicábase no DOG a orde pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para as editoras galegas, e o sector xa rexistrou un escrito protestando polos cambios que se deron a respecto das bases do ano pasado. 

 "Existen varias cuestión técnicas que transforman estas axudas nun obstáculo máis que nun aliciente para a edición", destaca Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE). "Non se axustan ás necesidades do sector e carecen da flexibilidade necesaria para conveterse nun motor da actividade editorial galega". 

Descoñecemento do sector por parte da Xunta 

Un exemplo desa falta de flexibilidade está presente no que as editoras consideran un dos principais puntos débiles da convocatoria deste ano. As axudas cobren os gastos de edición, distribución e comercialización entre o 1 de novembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. "Iso quere dicir que todos os gastos do proceso de edición dun título determinado teñen que facturarse neses once meses", explica Alvarellos.

"Pero  un proceso desta natureza pode levar máis tempo. Desde que se asina o contrato de publicación co autor até que o libro sae do prelo pode pasar un período de tempo máis delongado e iso significa que algúns proxectos quedarán fóra, que non poderán acceder a  estas axudas. E hai que dicirque isto supón un novo retroceso despois de que as editoras conseguísemos que ese período de produción do libro fose de 22 meses na convocatoria de 2023". 

"Por outro lado, a orde pretende que se cuantifiquen os gastos por adiantado, sen ter en conta, por exemplo, as fluctuacións dos prezos do papel", continúa Alvarellos. "De aquí a setembro, o papel pode subir un 10 por cento, pero as axudas que se concedan finalmente non terán en conta ese incremento porque o cálculo está feito sobre o prezo do papel no momento en que se presenta a solicitude". "Desde a Xunta comunícasenos que se trata dun problema administrativo, que non se poden solapar dous exercicios", engade o presidente da AGE, "pero o certo é que hai convocatorias doutras comunidades ou do propio Ministerio que si manexan tempos amplios nas súas bases. Cremos que se trata dunha cuestión de vontade política que as axudas atinxan dous exercicios para facilitar o traballo das empresas". 

Desde a Asociación Galega de Editoras insisten en que a Xunta non ten un equipo que inclúa persoas que coñezan a realidade do sector, o que dá como resultados unhas convocatorias desligadas das necesidades reais das empresas editoriais. "Desde as asociacións profesionais levamos anos reclamando a inclusión de persoas que coñezan as nosas fortalezas e as nosas debilidades, de dentro da administración ou desde algunha asesoría externa mais, non sabemos por que, seguen a ignorarse as nosas suxestións".  

O resultado é que algunhas editoras xa non se presentan ás axudas, porque o montante da subvención non compensa o esforzo en cumprir todos os requisitos que se exixen. "Pode parecer que as axudas á edición son unha panacea, pero o certo é que son moitos os libros que reciben unha subvención de 80 ou de 100 euros", aclara Alvarellos. "Se algún traballo recibe 1.000 euros é porque se trata dun proxecto editorial moi complexo e cuns custos moi elevados. En ningún caso estas axudas están á altura da produción editorial galega actual". 

Este ano, o importe dedicado a este impulso da edición galega subíu de 200.000 a 250.000 euros, "pero non é suficiente para atender o crecemento da actividade editorial da Galiza".

Unha sucesión de desencontros 

As controversias entre o sector editorial e a Xunta de Galiza parecen non chegar a puntos de encontro polo que editoras consideran falta de diálogo dos representantes da Xunta. Hai uns días, renovábase o descontento existente coas axudas ás traducións literarias, unha polémica que se unía á que xa manteñen os editores pola representación do sector nas grandes feiras internacionais do libro e que levou a que editores e Xunta teñan stands diferentes nalgúns dos encontros de primeiro nivel internacional. 

En xullo de 2022, por outro lado, as cinco principais asociacións do sector do libro galego (Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Federación de Librarías de Galicia e Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) emitiron anunciaron que non asistirían ao Consello Asesor do Libro alegando que "non se vehiculan solucións ou saídas aos principais problemas que afectan ao mundo do libro galego". 

"Nós seguimos abertos a un diálogo coas institucións que consideramos necesario", manifesta Alvarellos, "pero pedimos outra actitude na escoita dos que somos os protagonistas da edición. Só unindo forzas podemos dar saída aos problemas que ten o sector editorial, pero para iso precísase vontade política". 


Un plan do que non volveu saberse nada

O pasado mes de abril, a Xunta de Galiza informou da posta en marcha dun Plan de impulso ao libro galego, dotado con 3 millóns de euros que suma "11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores". O plan, porén, non foi consensuado coas asociacións do sector, que mostraron a súa sorpresa ante este anuncio do Goberno galego. "En realidade non volvemos saber nada dese plan despois do anuncio", declara Alvarellos. "Non se volveu falar do seu contido".

Comentarios