A Xunta da Galiza volve ignorar o sector editorial nas axudas á tradución

Cunha inusitada rapidez -o ano pasado fíxoo en xuño— a Xunta da Galiza convocou as axudas á tradución literaria, ignorando unha vez máis as demandas do sector, que considera pouco profesionais e afastados da realidade os criterios manexados pola Administración.
Persoas fisgando entre as novidades nunha libraría de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Persoas fisgando entre as novidades nunha libraría de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

Hai anos que as axudas que outorga a Xunta da Galiza para a tradución literaria son fonte dun conflito co sector editorial. O enfrontamento ten chegado a límites estrambóticos, como en 2021, cando se soubo que o desleixo nos termos da convocatoria provocou que a segunda empresa máis beneficiada por estas axudas fose propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só 20 títulos, 19 deles en castelán. A empresa recibiu, precisamente, axudas para traducir eses 19 libros á lingua galega.

Ese extremo, que se saiba, non volveu darse, mais seguen existindo varias fontes de desencontro. Quizais a principal é que se estabelezan axudas diferentes para a tradución e para a tradución inversa, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades con condicionantes moi diferentes e unha das reivindicacións históricas do sector do libro.

O Diario Oficial da Galiza recollía o 16 de xaneiro a convocatoria das axudas deste ano, e tampouco en 2024 a Consellaría de Cultura aceptou as suxestións dos profesionais da edición, volvendo a mesturar ambos campos.

Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti), cre que "son realidades moi diferentes que non deberían competir entre elas. Os obxectivos culturais de que Follas Novas se traduza a unha lingua estranxeira ou de que se traduza ao galego a obra de Dickens son diferentes. Separar ambos campos sería moi importante para o noso sistema".

Os mesmos fondos que hai unha década

A liña de subvencións, por outro lado, mantén uns fondos de 200.000 euros que se distribuirán entre as editoras beneficiarias da convocatoria, o mesmo que se vén outorgando desde o ano 2012 (o último ano do bipartito foron 268.000 euros).

"As axudas son claramente insuficientes desde o punto de vista económico", opina Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editores (AGE). "Non tiran da tradución, que é para o que naceron, para posibilitar que as editoriais poidamos enfrontar a publicación dunha tradución, que ten os custos normais de calquera outro libro máis o pagamento da tradución. O prazo de execución destas axudas é de dous anos, e os prazos nos que paga a Administración non permite embarcarse nesa aventura, e menos co diñeiro que se dedica a estas axudas".

"Unha Administración que presume de non decatarse do incremento do custo da vida nos últimos dez anos, que credibilidade pode ter?", pregunta Taibo. "E non se trata só do aumento que os tradutores teñen dereito a ver reflectido nas súas nóminas, é que os custos editoriais, especialmente o prezo do papel, disparáronse nos últimos anos dunha maneira vertixinosa. Dá a sensación de que a Xunta descoñece por completo a realidade do sector".

Definir obxectivos

Moitos dos axentes implicados na tradución avogan, ademais, pola creación dun comité de avaliación independente que poida descartar o que non sexa susceptíbel de axuda e para conceder as axudas, con obxectividade e transparencia, a aquilo que si ten sentido traducir.

"É unha práctica que existe en todos os países da nosa contorna", explica Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin, especializada en traducións. "Estabelecer e definir os obxectivos que perseguen estas axudas é fundamental: Queremos que se traduzan clásicos? Contribuír ao financiamento das editoras? Que autores contemporáneos con pegada noutras linguas estean traducidos ao galego? Se cadra, habería que empezar polo principio, por determinar que é o que necesita da tradución a cultura galega".

"Que os autores contemporáneos estean traducidos ao galego sería moi importante mesmo para a normalización da lingua", engade Taibo. "E para iso debería estar a Administración, estabelecendo resortes que permitan que eses autores cheguen ao galego ao mesmo tempo que ao castelán". E segue: "Estamos de acordo en que teñen que existir algunhas exixencias técnicas obxectivabeis, pero na cultura non todo é baremábel. Non é igual traducir a Shakespeare que a un autor de novelas policiais mediocres e non é igual traer ao galego autores que hai anos que están dispoñíbeis en castelán que autores que suporían unha novidade para o público lector da Galiza".

Definir obxectivos

Os editores, ademais, apuntan a carencias que xogan á contra das empresas que manteñen unha actividade seria en canto á formación do seu catálogo. Tobar, por exemplo, explica que "segue sen aparecer nas bases nada parecido a unha baremación de pagamentos, de maneira que pode darse o caso de que a tradución dun panfleto de 50 páxinas reciba unha subvención da mesma contía que á dunha obra de 500. De feito, casos semellantes a este xa se deron varias veces en exercicios pasados. O prezo que se lle paga por páxina ao tradutor queda á vontade da editorial, e iso propicia a picaresca".

Esa baremación non é nada novo: na convocatoria de 2012, por exemplo, estabelecíase un custo de entre 20 e 30 euros por páxina no caso de linguas peninsulares, e entre 25 e 50 para outros idiomas. "Basicamente, a convocatoria deste ano continúa cometendo os erros que as de anos anteriores, no hai cambios de calado", continúa Tovar. "Por exemplo, non se valora a traxectoria das editoriais. Ou tampouco, en termos reais, se ten en conta a extensión da obra. Para unha empresa editorial, obviamente, non é o mesmo editar unha obra de 250 páxinas que unha de 700 e, non obstante, o esforzo que se realiza no segundo caso non se valora en absoluto".

Mais chove sobre mollado. "Na Agpti decidimos xa hai un tempo deixar de facer informes para a Xunta porque decatámonos de que non existía vontade real de mellorar as axudas", relata Iria Taibo. "É bo ir afinando pequenas cousas para mellorar, pero co paso dos anos fomos vendo que só se realizaban pequenos cambios cosméticos que, en ocasións, mesmo complicaban aínda máis a situación".

As eleccións aceleran a convocatoria

Henrique Alvarellos chama a atención sobre "a présa que se está dando a Xunta sacando unhas convocatorias que o ano pasado fixeron públicas no verán". E Iria Taibo tamén se sorprende ante a rapidez da convocatoria. "Que eu saiba, non existía unha necesidade urxente no sector; a verdade é que a única razón que atopo é a proximidade das eleccións". "Despois de presentalas con seis meses de atraso en 2023, este ano aparecen o día 15. É bastante burdo", conclúe Tobar.

Comentarios