O Museo de Pontevedra edita dous romances de membros do Seminario de Estudos Galegos

O volume incluirá ‘Romance de unha fatal ocasión’, dirixido a Castelao cando estaba exiliado en Badajoz, con texto de Filgueira Valverde e ilustracións de Laxeiro e Risco, entre outros.
Dúas páxinas de 'Tibi Bastianus Imperator Peruensi'.
photo_camera Dúas páxinas de 'Tibi Bastianus Imperator Peruensi'.

O Museo de Pontevedra está inmerso na preparación do seu programa de celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Unha das accións previstas é a edición de dous documentos até agora inéditos. Á xa prevista edición facsimilar do Romance de unha fatal ocasión, un poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, únese a doutro romance do mesmo ano, 1935, dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste.  

Estes dous romances encádranse no contexto das “xeiras” que organizaba o Seminario de Estudos Galegos, e en concreto na do Deza. O Seminario organizábase en seccións dedicadas a distintas disciplinas pero que periodicamente realizaban saídas conxuntas de arredor dunha semana a diferentes comarcas galegas, nas que se reunían o maior número de membros posible e que buscaban recoller información sobre o terreo, poñela en común e intercambiala. O recoñecemento do Deza comezou en 1928 e intensificouse nos veráns de 1934 e 1935. 

Nesta última campaña de investigación, desenvolvida a principios de xullo do 35, faltou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acababa de ser desterrado a Badajoz. Como xa fixeran noutras ocasións con textos dedicados a Vicente Risco e outros, os seminaristas dedicáronlle a Castelao o Romance de unha fatal ocasión, un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios deles. Aínda que o de Rianxo era o destinatario principal do poema, a dedicatoria faise extensiva a outros ausentes: Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón. O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do arquivo documental do Museo.

O documento inclúe ilustracións de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. Os versos do romance teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do Seminario: Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo “Xocas”, Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros.

 

Doazón dun inédito

A edición facsimilar deste romance completarase no mesmo volume coa doutra peza de características similares e que ata agora non se coñecía. Trátase de Tibi Bastianus Imperator Peruensis, unha composición dedicada a Sebastián González García-Paz por dous amigos e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos: Xosé Ramón Fernández-Oxea, “Ben-Cho-Shey” e Xaquín Lorenzo “Xocas”. Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González, vén de doar ao Museo de Pontevedra este importante documento inédito.

Este segundo romance está datado no 15 de xullo de 1935, cun texto escritor por Ben-Cho-Shey que remite na temática á tradición tardomedieval, o que tamén se reflicte na coidada caligrafía. Acompañan o texto ilustracións de Xocas, nas que aparecen os personaxes do poema: unha moura encantada, o propio Sebastián González e o seu profesor, o “furibundo” Abelardo Moralejo, na forma dun dragón.

O contexto no que se compuxo este romance é o mesmo do dedicado a Rodríguez Castelao; son obras que os membros do Seminario de Estudos Galegos lle dedican aos compañeiros ausentes nas súas actividades conxuntas. Esta peza conta cun brillante sentido do humor, como mostran os catro versos cos que se invocan ao destinatario do romance, que se repiten ao longo do texto: Meu señor don Sebastián / moço de noble fasquía / si non fora pol-o queixo / outro como il non había.   

 

Comentarios