López-Barxas reúne cartas e recordos do intelectual

Rescatar Ben-Cho-Shey

«Hai persoeiros en que a vida é tan importante como a súa obra. Acontece, para min, con Castelao. Noutros, como Losada Diéguez, fundamental para a estrutura da Xeración Nós a vida é mesmo máis importante que a obra.  Este é tamén, sen dúbida, o caso de Ben-Cho-Shey. Eu quero chamar a atención sobre a importancia da súa vida». Velaí, a xeito de síntese, a tarefa central que se marcou Francisco López-Barxas (Padrenda, 1952) no seu libro Ben-Cho-Shey inédito (Auga Editora e Deputación de Ourense, 2019), un volume que tamén pretende ser unha operación de rescate.
ben-cho-shey
photo_camera Ben-Cho-Shey na súa casa familiar de Ourense en 1936. Foto: Galipedia.

Ben-Cho-Shey, de nome real Xosé Ramón Fernández-Oxea, finou en Madrid hai 31 anos. Nacera en Ourense en 1896. A súa biografía responde a todas as paixóns daquel século: o intelectual galeguista que se mete en política, o desterrado que sobrevive no exilio interior pero non renuncia a certas intervencións públicas, o infatigábel activista cultural. Foi ademais o enlace entre a brillante promoción Nós e os seus epígonos, entende López-Barxas en declaracións a Nós Diario, e autor sobre todo dunha obra de referencia, antropoloxía escrita por un non antropólogo, Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensán (1925-1935) (Castrelos, 1968).  

ben cho shey inéditoDe todos eses Ben-Cho-Shey trata o libro de López-Barxas, organizado en tres partes, arredor do home, arredor do escritor e arredor dos amigos. A primeira recolle a memoria do autor sobre a relación con quen fora presidente do Partido Galeguista de Lugo e a quen coñeceu en 1971. «Este traballo é, ao cabo, a débeda cun amigo, a crónica dunha amizade que xorde en Madrid e dura 17 anos, até a súa morte», di. No corazón de Ben-Cho-Shey titúlanse as páxinas en que reconstrúe, mesmo con diálogos, aqueles encontros.

No apartado dedicado á obra aparecen numerosos textos descoñecidos, das cartas mallorquinas a relatos, de observacións sobre o teatro galego en Madrid a unha pescuda sobre as rúas desa cidade que levan nome de lugares da Galiza. «Ben-Cho-Shey escribía todo. Era un maniático da escrita. Se ía visitar o mosteiro de San Xerome de Yuste, en Estremadura, tomaba notas no catálogo. Se asistía aos touros en Ávila, acompañado de Camilo José Cela, apuntaba pola parte de atrás da entrada», lembra. Unha escolma gráfica de imaxes inéditas, presidida por unha caricatura a cargo de Álvaro Cebreiro igualmente nunca publicada, completa o capítulo.

Correspondencia

O terceiro dos tramos do libro compóñeno 70 cartas recibidas por Ben-Cho-Shey. Entre os correspondentes, a plana maior do galeguismo histórico da primeira metade do XX: Otero Pedrayo, Cuevillas, Manuel Beiras, Francisco del Riego, Carvalho Calero, Taboada Chivite, Xaquín Lorenzo, Pura Vázquez. «Estas cartas, que seleccionei das máis de 200 que me deixou Fernández-Oxea, non se atopan no legado depositado na Deputación de Ourense», asegura López-Barxas, para quen o maior pecado arredor de Fernández-Oxea é o seu «total esquecemento».

«Eu creo que se debe a que estaba en Madrid [desde 1951, logo do seu desterro a Cáceres en plena Guerra Civil]», aventura, «e iso que alí realizou un inmenso labor cultural». Non só cultural. Ademais de se encargar de levar á censura os libros que ía editando Galaxia, o emprego da súa dona Isabel Algarra como funcionaria de xustiza permitiulle manter contacto con presos políticos, aos que facía chegar correspondencia. «Este papel de Ben-Cho-Shey é totalmente descoñecido e eu quería estimular o seu coñecemento, estimular outros Ben-Cho-Shey inéditos», engade.

31 anos do seu pasamento

Francisco López-Barxas iniciou os traballos da obra en 2018. «Pasaran tres décadas da súa morte», indica. Agora xa 31 anos. Ao seu biógrafo amólao que nunca figure entre os candidatos ou candidatas ao Día das Letras Galegas, malia se tratar dun dos primeiros galardoados coa Medalla Castelao da Xunta. «Pero claro, se tivemos que agardar outros 30 por Carvalho Calero...», resígnase. En todo caso propón un ano, o 2021, para celebrar a vida e a obra do ourensán.

Será o centenario do nacemento de Ben-Cho-Shey. Foi cando Xosé Ramón Fernández-Oxea comezou a asinar con ese pseudónimo as crónicas que remitía desde a Guerra do Rif. Publicounas o xornal La Zarpa, fundado polo crego agrarista Basilio Álvarez, e nelas denunciaba as penalidades do conflito e a problemática do mal equipado exército colonial do que facía parte.

Comentarios