Opinión

A cen anos da creación do Seminario de Estudos Galegos

Vaise o mes de decembro e ás portas temos un novo ano no que imos celebrar un século do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Esta foi unha institución creada pola sociedade civil coa misión de actualizar o discurso cultural sobre nós e nós no mundo, de traer a un primeiro plano o patrimonio cultural vinculado coa vida das persoas. 

As “mestas abelliñas” van traballar en diversos campos. Destacamos en especial tres: o da arqueoloxía, a etnografía e a posta en marcha dun museo. O SEG tiña como proposición única o estudo integral da cultura galega, inserido nun proxecto de defensa da identidade cultural de Galicia, e para defender esa identidade había que ter un proxecto político. As xentes do SEG queren poñer ao día estes saberes sociais e co seu traballo traen a un primeiro plano o que hoxe denominamos patrimonio inmaterial, aínda que  eles preferían usar o termo “espiritual”. 

Un dos campos nos que destacou o seu traballo foi o da etnografía. Por etnografía entendemos a descrición sistemática dunha cultura contemporánea por medio da recollida de información en contacto coa realidade a estudar. Os etnógrafos do SEG fixeron iso e fixérono en contacto coa sociedade que estudaban. Foron criticados porque só describían. Pero facíano desde unha mirada próxima para apartar as xeneralidades  e achegarse ao coñecemento local. Mais neste caso a descrición non consistía só en detallar aspectos superficiais dun feito ou cousa, senón que a facían para presentar e interpretar unha realidade que até esa descrición non estaba visible. Describindo eses obxectos describían prácticas históricas, o que equivalía a facer unha historia social. Foron os cronistas dunha historia local viva, de algo que se movía. 

A creación do SEG foi un “fito fundamental” para o desenvolvemento do saber etnográfico en Galicia, clave para que hoxe poidamos falar de antropoloxía. Seguindo a clasificación que das tradicións etnográficas fixo George Sctoking, diríamos que encadramos os etnógrafos do SEG na tradición para “crear unha nación” no canto da do imperio.

Éralles importante catalogar o patrimonio arqueolóxico, mais tamén recoller as lendas que conformaban unha cosmovisión propia, unindo prehistoria e etnografía, buscando sempre ese enraizamento no pasado afastado como un valor de continuidade e na procura dun tempo mítico e unitario. Así, a  identidade era entendida como a continuidade dun pobo a través da historia. A estabilidade que dá a Historia. Había que defender unha ancoraxe, unha localización nun espazo concreto, que é onde as persoas encontran as referencias para desenvolver as súas experiencias vitais.

Estudaban un patrimonio que tiña que estar tamén nun museo para crear un relato colectivo. E o “museo” era unha arela que, e como xa dixera Vicente Risco en 1928, viña de vello, unha necesidade sentida, unha ferramenta precisa para construír as identidades por medio de obxectos que serven para soportar unha memoria compartida e aumentar a propia estima; tamén para disciplinar a mirada: aquilo que non se ve non existe.

Coa xente do SEG os materiais da vida cotiá deixaron de ser simples obxectos para pasaren a ser documentos para escribir a Historia e que esta non a escribiran só os vencedores.

As disposicións que o SEG toma respecto a organizar a súa colección falan, segundo Alfonso Mato, do interese que tiñan no museo, interese dado a eses materiais como testemuño dunha memoria e portadores de significados colectivos. Museo e SEG traballaron para crear ferramentas útiles a unha sociedade, para educala e darlle cohesión. O Museo do Pobo Galego séntese continuador dese espírito, desa tradición, e a tradición é unha estratexia de afirmación colectiva, como expresión dunha vontade de continuidade e permanencia, como vontade de futuro.

Comentarios